Belén do Campo destaca a boa acollida en Vilasantar entre os 55 alumnos participantes no programa de distribución de leite e froitas nas escolas no curso 25/26 para fomentar hábitos saudables

Esta liña de subvencións da Consellería do Medio Rural, en concorrencia non competitiva, contou este curso cun orzamento superior ao millón de euros para toda Galicia

Vilasantar (A Coruña), 4 de xuño de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilsantar, Fernando Pérez, visitou hoxe  o CEIP Présaras un dos centros beneficiarios este curso do programa da Consellería do Medio Rural de distribución de leite, froita fresca e castañas nas escolas. A visita coincidiu co reparto de leite e froita no recreo aos alumnos do centro.

Concretamente no centro educativo de Vilasantar participan neste programa os seus 57 alumnos de infantil e primaria que o pasado 2 de marzo, contaron co reparto de 220 litros de leite ao longo de 10 días e o pasado 25 de maio comezou tamén o reparto de 187 quilos de froita ao longo de dez días ata este venres, 5 de xuño.

A delegada territorial destacou que a convocatoria destas axudas, un reparto da segunda quenda que se realiza entre marzo e xuño, beneficia na provincia da Coruña en torno a 54.436 alumnos de 96 centros. En toda a campaña se repartirán en total en colexios e institutos da provincia da Coruña, preto máis de 88.000 quilos de froita e más de 172.000 litros de leite.

Esta orde de subvencións, en concorrencia non competitiva, contou este curso cun orzamento superior ao millón de euros para toda Galicia e está cofinanciada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O reparto realízase a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural.

Puideron acceder a estas axudas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional básica e de grao medio). Cada ano, máis de 80.000 de alumnos e alumnas galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fogga.

A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e nenas e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2026