Rueda anuncia que a Xunta reforzará a loita contra o desperdicio alimentario e porá á disposición dos produtores unha plataforma web de venda directa co fin de evitar perdas
Salienta que será unha das medidas da nova Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia que porá en marcha o Goberno galego para ampliar o labor que xa se viña desenvolvendo neste eido desde a Xunta
A nova estratexia contemplará a realización de enquisas para diagnosticar a dimensión en Galicia desta realidade, redactarase un Manifesto contra o desperdicio alimentario e poñerase en marcha un selo para empresas comprometidas, así como distincións de recoñecemento a boas prácticas
Así mesmo, levaranse a cabo campañas de sensibilización, formación e concienciación e lanzarase unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento, entre outras medidas
A estratexia únese a fitos actuais como a consideración do HULA de Lugo como o primeiro hospital con certificación “Desperdicio Alimentario Cero”, ás medidas en comedores colectivos e escolares ou á colaboración con diferentes entidades sociais na materia
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta porá á disposición dos produtores unha plataforma web onde poderán subir aqueles produtos que non conseguiron vender ou son “imperfectos” por non cumprir cos estándares de forma, tamaño ou cor que establece o mercado, para que sexan adquiridos “por comedores colectivos”.
Segundo explicou o titular do Executivo galego, esta será unha das medidas da Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia que porá en marcha o Goberno galego para reforzar o labor que xa se viña desenvolvendo neste eido desde a Xunta. Esta citada estratexia comezará a elaborarse neste 2026 e as diferentes accións que recolle desenvolveranse a curto-medio-longo prazo.
Esta iniciativa, da que tomou razón hoxe o Consello da Xunta a través dun informe da Consellería do Medio Rural, inclúe unha serie de medidas para controlar o desperdicio que se produce en todos os ámbitos da cadea alimentaria. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, afirmou que é unha iniciativa “de marcado carácter social” que “queremos situar no centro do debate público”. E engadiu que “evitar o desperdicio alimentario non implica producir menos, senón producir mellor: valorizar os produtos, outorgarlles valor engadido e aproveitar todo o seu potencial”. Deste xeito, e a través desta nova estratexia, búscase dar unha resposta transversal e coordinada ás diferentes actuacións para a redución do desperdicio alimentario en Galicia.
Diagnose nos diferentes ámbitos
Tal e como abondou, Rueda, realizaranse enquisas, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Instituto Galego de Estatística, para diagnosticar a dimensión das perdas e do desperdicio alimentario en Galicia nos ámbitos do sector primario, os fogares, a industria alimentaria, o sector HORECA e a distribución. Así mesmo, levaranse a cabo campañas de sensibilización, formación e concienciación e redactarase un Manifesto contra o desperdicio alimentario. Para as empresas que se adhiran a el, deseñarase unha imaxe que poidan incorporar como “selo” contra o desperdicio alimentario en Galicia.
Farase, así mesmo, unha distinción anual daquelas empresas e entidades en recoñecemento de boas prácticas en materia de desperdicio alimentario, en liña coa celebración do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos, que a nivel mundial se determinou que fora o 29 de setembro de cada ano. Neste mesmo contexto, lanzarase unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento coa colaboración de restaurantes con cociñeiros de prestixio.
Todo isto irá acompañado da elaboración de distintos materiais informativos sobre a diferenza entre “Data de consumo preferente” e “Data de caducidade”. Os datos recollen que se desperdicia máis dun 6 % dos produtos que compran nos fogares con base na data de consumo preferente, polo que se fai necesario incidir neste asunto, pois lograríase de xeito case inmediato reducir o desperdicio nesas cantidades.
Do mesmo xeito, estase xa preparando un documento de preguntas e respostas para atender as dúbidas relacionadas coa aplicación da normativa estatal, concretamente da Lei 1/2025, do 1 de abril, de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. En parecidos termos, elaboraranse guías e documentos para impulsar a redución do desperdicio en diferentes eidos. Toda esta información estará dispoñible dentro do portal da Consellería do Medio Rural.
Accións xa en marcha
Todas estas novas iniciativas súmanse ás que a Xunta de Galicia xa ten en marcha en diferentes departamentos. Entre elas, salientan as aplicadas en comedores colectivos, tanto escolares como doutros ámbitos, mediante o control de restos de comida co fin de reducir o desperdicio alimentario, a valoración do grao de aceptación das receitas do menú ou a instrución sobre a doazón da comida sobrante. De feito, cómpre destacar que o Hospital Universitario Lucus Augusti HULA de Lugo foi o primeiro en acadar a certificación “Desperdicio Alimentario Cero”.
Tamén se aplican medidas semellantes nos comedores da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. De maneira semellante, desde a Consellería de Política Social e Igualdade apóianse programas de entidades sociais destinados á redistribución de alimentos para evitar que rematen como residuos. A estas actuacións hai que engadir a publicación da Lei 6/2021, de residuos e solos contaminados de Galicia por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ou, tamén, a sinatura dun convenio coa Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo para executar medidas de redución de residuos.
Datos globais e a nivel España
É importante salientar que esta nova estratexia da Xunta enmárcase nas accións globais fronte ao desperdicio alimentario. Neste sentido, a conselleira lembrou que un estudo da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) concluíu que arredor dun terzo da produción mundial de alimentos “se perde ou se desperdicia”.
De feito, en España tiráronse ao lixo en 2019 un total de 1.352 millóns de quilos de alimentos e bebidas. Isto supón aproximadamente o 4,7 % de todos os alimentos comprados. Así, tal e como sinalou o presidente, “unha familia media española desperdicia algo máis de 76 Kg/l de alimentos e bebidas ao ano”, dito noutras palabras, cada persoa perde entre 150 e 400 € ao ano.