A Xunta suma un investimento de 6,2 M€ no centro de investigación Mariña da Universidade de Vigo e sinala Galicia como referente científico neste eido
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, participan no aniversario do centro
O CIM conta con máis de 150 científicos e conseguiu captar nos últimos anos fondos por máis de 10M€ en diferentes proxectos competitivos
Programas como Redemar, Volaria ou Marislab son exemplos de transferencia de coñecemento para a rendibilidade e sustentabilidade de pescadores e mariscadoras
Vigo, 8 de xuño de 2026
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, participaron nos actos de conmemoración do décimo aniversario do Centro de Investigación Mariña (CIM) e das dúas décadas de traxectoria da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT).
Nas súas intervencións, ambos transmitiron o recoñecemento da Xunta pola dedicación e o rigor do labor científico desenvolvido por ambas as dúas entidades da Universidade de Vigo ao longo dos anos e sinalaron a importancia da investigación con aplicación práctica e transferencia directa cara á sociedade, as instalacións e embarcacións dos profesionais do mar.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou un investimento de case 6,2 M€ da Xunta de Galicia para o crecemento do CIM, un dos 10 centros que compoñen a Rede CIGUS, que agrupa os centros de investigación excelentes do Sistema Universitario de Galicia.
“Este apoio serviu para fortalecer as infraestruturas deste centro e dar estabilidade ao traballo dos seus máis de 150 científicos, un labor que é un referente na investigación para a conservación e uso sustentable dos recursos mariños”, detallou o secretario xeral de Universidades. A este respecto, puxo en valor os máis de 10 M€ captados nos últimos anos polo CIM en diferentes proxectos competitivos, as máis 600 publicacións realizadas polo seu persoal e o nacemento de cinco spin-offs a partir deste centro.
Entre os principais fitos científicos salienta a regulación da inxesta de alimento en peixes para unha alimentación máis sustentable no eido da acuicultura, así como notables avances no desenvolvemento de ferramentas informáticas para avaliar cambios en poboacións ao longo de xeracións debidas a factores tales como a sobreexplotación, o cambio climático ou a deterioración do hábitat, entre outros. No que atinxe ás infraestruturas destaca a inauguración dun ecosistema artificial na ECIMAT e unha batea experimental na ría de Aldán.
Galicia, rexión punteira
Pola súa banda, a representante da Consellería do Mar subliñou que Galicia se consolida como unha rexión punteira a nivel internacional no eido do coñecemento marítimo-pesqueiro grazas a un poderoso entramado tecnolóxico. Neste núcleo converxen os departamentos das tres universidades galegas, os institutos do CSIC (IIM e IEO) e as infraestruturas propias da administración autonómica, como o Intecmar, o Centro Tecnolóxico do Mar ou Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA). Salgado destacou que o gran valor deste ecosistema científico non radica só nas súas dimensións, senón na súa filosofía colaborativa e cooperativa.
Neste sentido, a directora do Intecmar puxo como exemplo o espírito do programa Redemar da Consellería do Mar, unha ferramenta estratéxica concibida para conectar de forma directa os organismos de investigación co sector pesqueiro galego. Baixo este paraugas integrador, a Universidade de Vigo participa dende o inicio en proxectos clave como o estudo piloto sobre a influencia do substrato nos bancos intermareais iniciado en 2023, ou o proxecto Volaria, que se estenderá ata 2027 para analizar en colaboración co Intecmar, o CSIC e a Asociación de Marisqueo a Flote os factores biolóxicos que condicionan a comercialización da volandeira na ría de Vigo.
Do mesmo xeito, subliñou o impacto de Marislab, onde o CIM coopera coa Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra para mellorar as condicións sedimentarias e a produtividade dos bancos de bivalvos. A directora xeral concluíu reiterando o compromiso da Xunta de seguir apoiando unha economía azul forte que protexa os ecosistemas costeiros e, ao mesmo tempo, ofreza expectativas de futuro rendibles para as miles de familias que dependen da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.