Román Rodríguez reivindica a Galicia Calidade como un lugar “onde facer ciencia de primeiro nivel”

O conselleiro de Ciencia participa na entrega de premios a sete investigadores mozos, catro mulleres e tres homes, concedidos pola Real Academia Galega de Ciencias e a UIE

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reivindicou hoxe a Galicia Calidade como “un lugar desde o que facer ciencia de primeiro nivel”. Así se expresou con motivo da entrega dos premios aos mellores investigadores mozos, un galardón promovido pola Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) para impulsar e recoñecer traxectorias de xente nova que desenvolve a súa carreira na comunidade.

Nesta edición, resultaron premiados sete científicos, catro mulleres e tres homes, aos que Román Rodríguez felicitou por representar “unha nova xeración chamada a liderar nas próximas décadas a I+G+i, a ciencia e a innovación con selo galego, nun contexto máis competitivo, máis internacional e máis esixente ca nunca” en áreas tan relevantes como a intelixencia artificial, a enxeñaría, a robótica, a ciencia de datos, a tecnoloxía educativa, a xeomática ou a optimización de procesos industriais, entre outros. 

Galardoados

Os tres principais premios recaen en investigadoras da Universidade da Coruña: na categoría de Ciencias Básica, en Verónica Bolón, profesora titular e pioneira en deseñar sistemas de IA sustentables, os chamados algoritmos verdes. En Ciencias Técnicas, distínguese a Laura Castro, que desenvolve o seu traballo no Centro de Investigación en Tecnoloxías navais e Industrias, no Campus de Ferrol,  polo seu labor no eido das enerxías renovables mariñas. E en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a  María Barreiro, investigadora do ECOBAS (Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade), dedicada a axudar ás organizacións a ser máis sustentables.

Así mesmo, outórganse catro accésits. Dous deles son na categoría de Ciencias Básicas: para Manuel Soto (investigador do CiQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) e Ismael González (do CiMUS, Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), ambos da Universidades de Santiago de Compostela. O accésit en Ciencias Técnicas é para Lucía Díaz, profesora do departamento de Deseño e Enxeñaría da Universidade de Vigo, e en Ciencias Sociais, para Rubén Lado, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da USC.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026