Un total de 728 viticultores beneficiáronse das axudas da Xunta para a conservación paisaxística e loita contra a erosión de viñedos da Ribeira Sacra
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no DOG a resolución da última convocatoria destas axudas, dotadas con máis de 1,5 millóns de euros
Con estas achegas ponse en valor a importancia do sector vinícola para o desenvolvemento económico da zona, así como o labor que realizan os viticultores
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión dos viñedos da Ribeira Sacra, dotada con algo máis de 1,5 millóns de euros financiados integramente con fondos propios do Goberno galego, sendo esta a segunda vez que se pon en marcha esta iniciativa.
En total, nesta última convocatoria foron 728 os viticultores beneficiarios, todos eles inscritos nos rexistros do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra. A contía individualizada pode acadar, como máximo, os 2.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 1, aquel que se realiza en zonas con socalcos de pedra de xeito non mecanizado; e os 1.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 2, que se leva a cabo de forma mecanizada. Para realizar o cálculo do importe tívose en conta a superficie de viñedo inscrita e, en todo caso, non se conceden achegas superiores aos 50.000 euros por persoa beneficiaria.
As achegas están destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas viticultoras inscritas na DO Ribeira Sacra e que colaboran, co seu cultivo, á conservación desta contorna de cara a evitar o abandono e a desaparición dos socalcos. Ao tempo, esta zona goza dun atractivo turístico en crecemento, o que contribúe á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260623/AnuncioO90-050626-0001_gl.html