A directora xeral de Patrimonio Natural participou na rolda de prensa de presentación desta travesía a nado
A Xunta salienta a proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas como exemplo do equilibrio entre a protección e o uso sostible dos espazos naturais
Marisol Díaz indica que esta actividade suporá unha importante proxección da riqueza natural do Parque Nacional
Terá lugar o vindeiro 12 de setembro e consistirá na travesía a nado entre as praias de Rodas, nas illas Cíes, e a de Ribeira, no Concello de Baiona
Nesta edición participarán máis de 160 nadadores e rexístrase un récord de mulleres, cun total de 38
Vigo, 25 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia pon a proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas como exemplo do equilibrio entre a protección e o uso sostible dos espazos naturais da Comunidade.
Durante a presentación da proba, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, subliñou que esta actividade, que este ano celebra a primeira parte da súa cuarta edición, suporá unha importante proxección da riqueza natural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Nesa liña, a directora xeral incidiu no compromiso do Goberno galego con actividades que contribúan preservar os valores naturais dos espazos protexidos da Comunidade, así como a concienciar e sensibilizar á cidadanía da necesidade de protexer o medio ambiente.
Esta actividade deportiva, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro, consistirá na travesía a nado entre as praias de Rodas, nas illas Cíes, e a de Ribeira, no Concello de Baiona.
Ao abeiro desta proba deportiva desenvolveranse varias actividades en colaboración co parque nacional: unha ruta guiada polas illas Cíes para os familiares e acompañantes dos participantes; un concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes das illas e unha recollida de residuos na praia de Rodas, coa que, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, se pretende promover a concienciación ambiental.
Nesta edición da Tripla Coroa Illas Atlánticas participarán máis de 160 nadadores, que proceden de España, Portugal, Andorra, Italia, Finlandia, Alemaña, A Arxentina, Ecuador, México, Brasil, Francia, Venezuela e Ucraína. Cómpre indicar que 15 nadadores participarán na categoría sen neopreno e que este ano se rexistra un récord de mulleres participantes, cun total de 38.