Galicia acollerá a bombeiros forestais búlgaros para formarse co persoal de prevención e extinción de incendios da Xunta
A Consellería do Medio Rural recibirá dous grupos de 20 profesionais cada un ao longo do mes de xullo, dentro do Mecanismo Europeo de Protección Civil
As instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén serán o centro neurálxico das actividades formativas, que combinarán preparación teórica, física e práctica, así como a colaboración en caso de incendio, chegado o caso
A través deste programa xa se facilitou a estadía de bombeiros de Estonia e Países Baixos na nosa comunidade
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026
A Consellería do Medio Rural segue apostando pola cooperación internacional na loita contra os incendios forestais e, por terceiro ano consecutivo, Galicia acollerá un programa de preposicionamento de bombeiros financiado polo Mecanismo Europeo de Protección Civil, no que participarán profesionais de Bulgaria para formarse co persoal de prevención e extinción de incendios da Xunta.
Ao longo do mes de xullo, 40 bombeiros búlgaros trasladaranse a Galicia para coñecer os métodos, procedementos e ferramentas empregadas polo Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta, coa finalidade de fomentar a aprendizaxe mutua e o intercambio de coñecementos, tanto a nivel técnico como operativo. En concreto, durante a primeira quincena de xullo chegará un grupo de 20 bombeiros e, durante a segunda, outros tantos. Estarán acompañados por persoal do servizo da Xunta.
Esta iniciativa permite que profesionais doutros países de Europa coñezan de primeira man a realidade e as estratexias de extinción dos países do sur, caso de España e especialmente de Galicia, con ampla experiencia e preparación nesta materia. Deste xeito, dáse continuidade a este programa a través do cal bombeiros de Estonia e Países Baixos xa visitaron a nosa comunidade.
O programa de actividades consiste en sesións preparatorias, visitas e formación conxunta. A formación, tanto teórica como práctica, terana cada mañá no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén (Ourense), onde realizarán cursos de preparación física, de condución de vehículos todo terreo ou de manexo de motobombas. A maiores, están previstas visitas a bases como a de Marroxo, en Monforte de Lemos (Lugo), ou a de Beariz (Ourense); así como algún dos Centros de Coordinación co obxectivo de que coñezan o dispositivo de forma máis precisas. Polas tardes estarán dispoñibles, chegado o caso, para colaborar na extinción de incendios reais.