A Xunta salienta a cooperación do Centro Tecnolóxico da Carne en 30 proxectos de I+D+i no 2025, valorados en máis de 14 millóns de euros
A secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural presidiu hoxe a reunión do padroado deste entidade, na que se aprobaron as contas do pasado ano
No que vai de 2026, o CTC xa desenvolveu outras 32 iniciativas de innovación en colaboración con empresas e outras entidades do sector agroalimentario
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
A secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, Marta Forés, acompañada polo director-xerente da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Miguel Fernández, presidiu hoxe a reunión do padroado desta entidade. Nela, salientouse a cooperación do CTC no desenvolvemento de ata 30 proxectos de I+D+i ao longo de 2025, en colaboración con empresas e axentes do sector e por un valor global de 14,3 millóns de euros.
Na xuntanza, na que tamén participaron de forma telemática o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; aprobáronse as contas do pasado ano do CTC, que acadaron a cifra de máis de 1,7 millóns de euros. Este orzamento executado está relacionado cunha importante carteira de proxectos de I+D+i, que se traduce nunha relevante actividade ao servizo do sector agroalimentario galego.
Ademais da participación en traballos de investigación, o CTC tamén levou a cabo preto de 35.000 determinacións analíticas nos seus laboratorios en 7.354 mostras, sendo esta unha importante parte do seu labor. Ademais, ofreceu asesoramento ao sector, organizou xornadas de difusión e simulou procesos e produtos na súa planta piloto.
Actividades no primeiro semestre de 2026
Tamén se avaliou a actividade neste primeiro semestre do ano, no que destaca o desenvolvemento de 32 proxectos de I+D+i, cun investimento global de máis de 24 millóns de euros.