Medio Rural convoca unha poxa de 44 animais criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo o vindeiro 10 de xullo
A licitación e información dos lotes destes exemplares, todos da raza Rubia Galega, poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e os interesados poderán visitar as instalacións e ver os animais de xeito presencial o mércores, xoves e venres
Esta iniciativa, celebrada por terceiro ano consecutivo, é posible gracias ás importantes actividades de investigación en materia de mellora xenética realizadas no CIAM e ao alto número de animais dos que dispoñen no seu rabaño
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dunha nova poxa pública de 44 exemplares de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que terá lugar o vindeiro venres 10 de xullo ás 11:30 horas no salón de actos.
A licitación e a información dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e a inscrición para participar na poxa realizarase a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, os licitadores interesados terán a posibilidade de revisar os animais de xeito presencial o mércores e o xoves entre as 10:00 e as 13:00 horas; e o propio venres, entre as 9:00 e as 11:00 horas, nas dependencias do CIAM.
Cómpre salientar as importantes actividades de investigación en materia de mellora xenética para a recuperación das aptitudes maternais da raza Rubia Galega que se están desenvolvendo neste centro, no que se dispón dun dos rabaños máis importantes desta raza. Trátase da terceira vez que se convoca unha poxa deste tipo, debido ao gran número de animais cos que se contan neste centro, os cales se queren poñer a disposición dos gandeiros interesados.
Potenciación desta raza autóctona
O CIAM desenvolve numerosas investigacións, entre as que se atopan aquelas relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega e a súa potenciación. Os traballos buscan mellorar a calidade deste gando e favorecer a rendibilidade das explotacións que manexan este tipo de animais.
Neste sentido, cómpre sinalar que o centro conta cunha finca de máis de 300 hectáreas, das cales 65 se reservan para rabaños desta raza, que son dos máis importantes que se conservan ao preservar mellor a súa pureza por non depender de intereses comerciais.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260703/AnuncioG0528-250626-0001_gl.html