Medio Rural salienta o labor dos catadores de prestixio que colaboran coa consellería para recoñecer os mellores viños de Galicia

A conselleira María José Gómez mantivo hoxe un encontro cos profesionais que conforman o panel de catas para seleccionar os viños, licores e augardentes gañadores dos premios das Catas de Galicia 2026, que terán lugar o 14 de xullo

Detallou que en total se recibiron máis de 460 mostras de viños de 142 adegas e 33 de augardentes e licores tradicionais, procedentes de 10 empresas

Reafirmou o compromiso do Goberno galego co sector vitivinícola, ao que anualmente se destinan uns 12 millóns de euros a través de diferentes liñas de axuda

Boqueixón (A Coruña), 7 de xullo de 2026.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, salientou hoxe o labor que están a desenvolver unha ducia de profesionais de prestixio para recoñecer os mellores viños galegos. Fíxoo nun encontrou que mantivo con estes catadores, que se atopan avaliando as mostras destas elaboracións, así como os augardentes e licores tradicionais, co fin de determinar os premiados nas Catas de Galicia 2026, que se celebrarán o vindeiro 14 de xullo.

Deste xeito, a conselleira agradeceu o traballo de máis de medio cento de expertos que participaron tanto nas precatas como nas catas que hoxe comezaron. En total, explicou que no concurso deste ano se recibiron máis de 460 mostras de viños de 142 adegas e 33 de augardentes e licores tradicionais, procedentes de 10 empresas.

Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou que este certame busca recoñecer e dar visibilidade ao traballo dos adegueiros e augardenteiros que elaboran os seus produtos de xeito moi rigoroso e baixo os requisitos que se establecen nos réximes de calidade. “Todos eles son un exemplo desa Galicia calidade que nos identifica”, manifestou.

Apoio ao sector vitivinícola

Gómez puxo en valor o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola, ao que anualmente se destinan uns 12 millóns de euros a través das axudas para a reestruturación e reconversión de viñedo; de transformación e comercialización de produtos vitivinícolas; de promoción en terceiros países e a liña para a conservación paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, entre outros apoios.

A maiores, salientou que este eido produtivo está estreitamente vencellado coa calidade diferenciada. Neste sentido, lembrou que Galicia conta con cinco denominacións de orixe -Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras- e outras tantas indicacións xeográficas protexidas vitícolas -Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Terras do Navia e Val do Miño-Ourense-. Este sector, explicou, representa máis do 50 % do valor económico total da produción galega amparada por distintivos de calidade diferenciada.

12 catadores de prestixio

O panel de cata está formado polos prestixiosos catadores Almudena Alberca, Master Sommelier e referencia internacional da sommellerie; Patricia Magaña, xornalista especializada en agroalimentación e gandaría; Martiño Santos Canosa, sumiller e socio de Vide, Vide! Espazo Enocultural en Santiago de Compostela; José Joaquín Cortés, catador recoñecido como “Nariz de Ouro”; Manuel Castro González, premiado como Mellor Enólogo de España nos Premios Baco 2025; Rebeca Valero Mora, profesional vinculada á Asociación Galega de Enólogos; Pedro Sestayo, vinculado á formación en hostalaría e restauración; Iván Olmedo Río, membro da Federación Española de Enólogos; Vanessa Varela, profesional do Instituto Galego do Viño; Vahagn Voskerchyan,  Profesional vinculado á exportación e ao desenvolvemento internacional de viños premium en Weingut Gunderloch (Rheinhessen); Alfonso Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; e Juan Carlos Gómez Ruipérez, responsable de viños de Carrefour.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2026