Medio Rural destaca as xornadas Food insights como ferramenta para identificar novas oportunidades para a calidade diferenciada galega
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á xornada Food Insights | The Great Reset, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia, centrada na análise dos cambios que están a redefinir os mercados e os hábitos de consumo. Nela puxo en valor este tipo de encontros como espazos de coñecemento que permiten comprender a evolución das demandas dos consumidores e identificar novas oportunidades para seguir impulsando a calidade diferenciada galega.
Neste sentido, salientou que coñecer cara a onde evolucionan os mercados resulta esencial para adaptar as estratexias de promoción e valorización dos produtos con selo de calidade, reforzando a súa competitividade e a súa capacidade para xerar valor no territorio.