A Xunta recibe 6 ofertas para construír unha senda peonil e ciclista na PO-841 ao seu paso polo Concello da Estrada, cun investimento de 1,1 M€

O obxectivo do novo itinerario é facilitar os desprazamentos seguros de peóns e ciclistas neste treito entre o núcleo da Estrada e o polígono industrial de Toedo 

As obras incluirán a execución de dúas estruturas de formigón no lugar en que a senda cruza con dous leitos

Tamén se levarán a cabo a adaptación da rede de drenaxe, a execución de canalización para comunicacións baixo a senda e a mellora da sinalización

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2026

A Xunta recibe 6 ofertas para construír unha senda peonil e ciclista ao seu paso polo Concello da Estrada, cun investimento de 1,1M€.

Trátase dun itinerario para mellorar a seguridade viaria neste treito e fomentar a mobilidade sostible.

A senda transcorrerá entre o núcleo da Estrada e o polígono industrial de Toedo, unha contorna de moito tránsito na que se sitúa o tanatorio e un equipamento deportivo.

A construción desta senda na PO-841 contempla outras actuacións como a colocación de pavimento podotáctil nos extremos.

As obras tamén incluirán a execución de dúas estruturas de formigón prefabricado no lugar en que a senda cruza con dous leitos. Estas novas estruturas realizaranse en paralelo ás existentes, coa finalidade de ampliar a plataforma e gañar espazo suficiente para a execución desta senda.

Tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a adaptación da rede de drenaxe á nova sección transversal da vía, a execución de canalización para comunicacións baixo a senda e a mellora da sinalización.

Data de actualización: 12/07/2026