A Xunta leva ao barrio coruñés dos Mallos a campaña ‘Comercio Compensa’ no marco dunha xornada de dinamización do comercio de proximidade
O director xeral de Comercio e Consumo achegouse ao punto informativo instalado esta mañá na rúa Ángel Senra no marco da iniciativa autonómica que promove hábitos de compra responsables e respectuosos co medio
Tamén participou nas actividades organizadas hoxe polo Centro Comercial Aberto Distrito Mallos co apoio da Xunta ao abeiro da campaña ‘A auga Mallos. Móllate co teu comercio’
Destacou o papel do asociacionismo comercial para impulsar accións que atraian clientela, melloren a competitividade dos negocios e contribúan a manter vivo o tecido comercial dos barrios
A Coruña, 11 de xullo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na xornada de dinamización comercial organizada polo Centro Comercial Aberto Distrito Mallos, que contou co apoio da Xunta e que reuniu distintas iniciativas para fomentar o comercio de proximidade e un consumo máis responsable e sostible.
No marco desta programación desenvolveuse a acción do Executivo galego Comercio Compensa, coa instalación dun punto informativo na rúa Ángel Senra no que as persoas que presentaban un tícket de compra realizado no comercio de proximidade do concello recibían unha bolsa de tea reutilizable coa imaxe da campaña. Con esta iniciativa, a Xunta promove hábitos de compra máis conscientes, impulsa o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio local e os produtos de cercanía.
Cómpre salientar que Comercio Compensa percorrerá un total de 60 localidades galegas entre este ano e o que vén co obxectivo de achegar á cidadanía mensaxes de sensibilización sobre consumo responsable e reforzar o papel do comercio de proximidade como motor económico e social.
A xornada completouse con diferentes actividades de dinamización organizadas polo CCA coruñés co apoio da Xunta no marco da campaña A auga Mallos. Móllate co teu comercio, entre elas un espazo infantil con xogos acuáticos e outras propostas dirixidas ás familias, como xogos, música ou fotomatón, para incentivar as compras nos establecementos asociados e dinamizar a actividade comercial do barrio.
Durante a súa visita, o director xeral puxo en valor o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos como aliados estratéxicos para fortalecer o comercio local e destacou que a colaboración autonómica co asociacionismo comercial resulta fundamental para impulsar accións que atraian clientela, melloren a competitividade dos negocios e contribúan a manter vivo o tecido comercial dos barrios.