A Xunta destaca no Ribadeo Indiano a importancia da colaboración entre o comercio local e os eventos singulares na dinamización das vilas galegas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou no peche da campaña organizada por ACISA Ribadeo e destacou o valor das iniciativas de dinamización comercial para fidelizar a clientela e incentivar o consumo de proximidade
Ribadeo (Lugo), 12 de xullo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no sorteo da campaña comercial De Ribadeo a México, organizada por ACISA Ribadeo no marco da XI edición do Ribadeo Indiano e apoiada pola Xunta a través das axudas destinadas á dinamización dos centros comerciais abertos.
A campaña culminou co sorteo dunha viaxe a México para dúas persoas entre a clientela que realizou compras ou consumicións nos establecementos adheridos a ACISA Ribadeo durante o período de vixencia da iniciativa, unha acción deseñada para incentivar o consumo no comercio de proximidade coincidindo coa celebración desta cita, unha das máis emblemáticas do calendario festivo do municipio lugués.
Gabriel Alén puxo de relevo o labor que desenvolve a entidade —recentemente galardoada co Premio Nacional de Comercio Interior na categoría de centros comerciais abertos— e destacou que este tipo de campañas contribúen a dinamizar a actividade comercial, fidelizar a clientela e aproveitar o atractivo dos grandes eventos singulares para reforzar o comercio de proximidade e impulsar a economía local.
Así mesmo, lembrou o compromiso da Xunta co apoio aos centros comerciais abertos a través dunha liña específica de axudas que permite impulsar actuacións de dinamización e promoción comercial, reforzar a competitividade do pequeno comercio e contribuír ao desenvolvemento económico e social das vilas galegas.