O delegado territorial verifica o comezo do asfaltado da rúa Progreso, na cidade de Ourense

Manuel Pardo explicou que as  actuacións no firme da rúa Progreso consisten no fresado e reposición puntual das zonas máis deterioradas e a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a rúa, ao tempo que se instalarán tres pasos elevados realizados con mestura bituminosa en quente

O delegado territorial salientou que estas actuacións están contempladas no proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta vai investir máis de 2,8 millóns de euros

En xeral, sostivo Manuel Pardo, trátase de actuacións encamiñadas a aumentar a seguridade e comodidade tanto dos peóns como dos condutores

Ourense, 13 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo,  visitou esta mañá, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, a rúa Progreso para supervisar o comezo das obras de asfaltado da rúa Progreso, que principian  na rotonda de Concepción Arenal e continuarán por toda a rúa do Progreso ata a rúa A Coruña, contempladas no proxecto para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, nas que a Xunta  vai investir máis de  2,8 millóns de euros.

O delegado territorial explicou que as  actuacións no firme da rúa Progreso consisten no fresado e reposición puntual das zonas máis deterioradas e a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a rúa, ao tempo que se instalarán tres pasos elevados realizados con mestura bituminosa en quente.

Manuel Pardo precisou que o desenvolvemento das obras requirirán itinerarios de tráfico alternativos para minimizar as molestias á cidadanía, polo que emprazará a sinalización adecuada dos desvíos, xa consensuados coa Policía local de Ourense.

Durante a súa visita, o representante do Goberno galego salientou que as actuacións proxectadas inclúen obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos integrantes do dominio público autonómico, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas melloras complementarias, de forma que se reforce a seguridade viaria e a accesibilidade.

Estado das obras

O delegado territorial informou que a día de hoxe xa se leva executada a accesibilidade e mellora de beirarrúas nas rúas Emilia Pardo Bazán, Peña Trevinca, A Coruña, Progreso, Sáenz Díez e Río Arnoia.  Nestes intres, na rúa do Seminario xa se executou o muro da marxe esquerda, e estase a traballar na colocación dos novos colectores e a retirada de parte dos antigos. Tamén está en execución a rúa Bispo Lorenzo.

En xeral, sostivo Manuel Pardo, trátase de actuacións encamiñadas a aumentar a seguridade e comodidade tanto dos peóns como dos condutores. Para iso, mellorarase a accesibilidade dos cruces e pasos de peóns con plaquetas podotáctiles, rebaixes onde sexa necesario ou a ampliación de beirarrúa para refuxio de pasos de peóns. “A adecuación de espazos urbanos para atender as necesidades das persoas con discapacidade non só mellora a calidade de vida, senón que tamén promove unha cultura de respecto e dignidade cara a todos os cidadáns”; concluíu o delegado territorial.

Proxecto de mellora nas estradas autonómicas na cidade de Ourense

Manuel Pardo lembrou que dentro deste plan de mellora de infraestruturas da Consellería de  Vivenda e Planificación de Infraestruturas, están incluídas as rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca (na parte de titulariade autonómica), Seminario, Sáenz Díez, avenida Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, avenida de Ponferrada e Avenida de Zamora.

E remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.

O delegado territorial rematou poñendo en valor a aposta da Xunta pola conservación das estradas da rede viaria autonómica, ás que en 2025 destinou 68 millóns de euros, entre as que se atopan os viarios urbanos, co fin de mantelas nas mellores condicións e facelas máis cómodas, seguras e accesibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2026