A Xunta pon en valor o protocolo que reforza a prevención, actuación e seguimento ante situacións de violencia na prestación do Servizo de Axuda no Fogar

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe no acto de sinatura do protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar

Incidirase na formación en habilidades e posta en valor das profesionais do SAF, na avaliación dos riscos para tomar decisións desde o inicio, na comunicación temperá de incidentes ou no seu posterior rexistro, resolución, investigación e seguimento

O Goberno galego participou na elaboración do documento a petición unánime da mesa de traballo impulsada pola Fegamp, na que toman parte tamén a Xunta, as organizacións sindicais e empresariais, e o Colexio Oficial de Traballo Social

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026.

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe no acto de sinatura do protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en cuxa elaboración participou a Xunta a petición unánime da mesa de traballo impulsada pola Fegamp, na que toman parte tamén o Goberno galego, as organizacións sindicais e empresariais, e o Colexio Oficial de Traballo Social. Alí, destacou que se vaia incidir na formación en habilidades e posta en valor das persoas profesionais do SAF, na avaliación dos riscos para tomar decisións desde o inicio, na comunicación temperá de incidentes ou no seu posterior rexistro, resolución, investigación e seguimento.

Así, o documento recolle recomendacións e directrices que abranguen desde a prevención ata a intervención e o seguimento ante diferentes formas de violencia laboral externa, entendida como comportamentos ou ameazas que poidan causar dano físico, psicolóxico, sexual ou económico, incluída a violencia por razón de xénero e o acoso sexual. Entre as medidas contempladas, destaca a importancia da contorna de traballo, da organización das tarefas, da seguridade e da formación específica como eixes fundamentais para minimizar riscos e mellorar o desempeño profesional.

Neste sentido, proponse realizar avaliacións de riscos, ofrecer información precisa ás persoas usuarias e familiares e reforzar o apoio técnico nos casos máis complexos. No relativo á seguridade, recoméndase, entre outras cuestións, manter operativo o teléfono móbil durante toda a xornada, prever o acompañamento temporal cando as circunstancias o requiran, fortalecer a coordinación cos servizos sanitarios e incrementar o seguimento con antecedentes de conflito.

No ámbito da formación, o protocolo subliña a importancia de dotar as persoas traballadoras de coñecementos e habilidades específicas en materia de prevención da violencia, comunicación efectiva, resolución de conflitos e control da tensión.  

Procedemento de actuación  

No referido ás actuacións fronte a situacións de violencia, o protocolo establece un sistema progresivo que vai desde a prevención ata a resposta ante agresións. Inclúe pautas para anticipar riscos, manter a calma e reconducir conflitos, así como actuacións específicas cando a tensión aumenta ou se produce unha agresión, priorizando sempre a integridade física e emocional das profesionais e, nese senso, co apoio inequívoco ante a decisión de paralización de traballos mentres a situación non reverta.

O documento subliña tamén a importancia de que os concellos teñan un rexistro cun modelo unificado para todas as entidades prestadoras e que se dea seguimento a todos os incidentes, de xeito que poidan ser avaliados pola empresa e, se é preciso, coordinados coas administracións para adoptar medidas correctoras. Nesa liña, contémplanse as visitas e investigacións pertinentes, así como a revisión da avaliación de riscos laborais e das medidas preventivas de cara á súa actualización se fose necesario, ademais da implantación de medidas de protección ou para garantir o retorno ao posto de traballo.

Cómpre engadir que a primeira reunión de seguimento terá lugar aos seis meses da sinatura do protocolo. As seguintes revisións terán carácter anual ou virán motivadas por cambios normativos ou calquera circunstancia extraordinaria que afecte ao documento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2026