A Xunta inviste máis de 450.000 euros na formación de 20 persoas desempregadas en Caldas de Reis
Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de forestal e xardinería e albanelería
Na provincia de Pontevedra foron aprobados este ano 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros
Caldas de Reis (Pontevedra), 15 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘Os Camiños do Camiño V’, promovido polo Concello de Caldas de Reis e que conta cun investimento da Xunta de Galicia de 454.552 euros.
O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas adquiran formación teórica e práctica remunerada nas especialidades de forestal e xardinería e albanelería, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández destacou a aposta da Xunta polo modelo de formación dual, que permite ás persoas desempregadas combinar a aprendizaxe cun traballo efectivo en beneficio da comunidade. “Creo que temos que poñer en valor, non só a vertente formativa destes obradoiros, senón tamén o impacto que teñen nos concellos onde se levan a cabo. Estas vinte persoas van estar nove meses realizando traballos prácticos que permitirán mellorar a imaxe e o mobiliario do seu concello, e iso é un motivo de orgullo para todos”, sinalou.
O delegado territorial destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse este ano un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.