Martina Aneiros destaca as mesas locais de comercio como ferramentas de comunicación directa co sector
A delegada territorial participou esta mañá na Mesa Local de Comercio de Ortigueira e na entrega de premios da campaña 'Merca no teu Comercio'
Ortigueira (A Coruña), 17 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na Mesa Local de Comercio de Ortigueira, xunto con representantes municipais e da Asociación de Comercio Ortegana, onde destacou estes encontros entre a administración pública e o sector comercial, “que crean un espazo de coordinación e colaboración, cunha comunicación máis directa que nos achega ás necesidades reais do sector”. Entre outros temas, o encontro serviu para analizar o impacto do recentemente celebrado festival mundo celta no sector do comercio e hostalería.
Aneiros recordou que o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 contempla como unha das súas prioridades impulsar o papel das Mesas Locais de Comercio, “procurando que sexan instrumentos eficaces para impulsar e revitalizar o comercio de proximidade”.
Neste eido, a delegada aproveitou para salientar a constitución, no pasado mes de abril, da Mesa do Comercio de Galicia, que, segundo apuntou, “nace para asegurar unha adecuada colaboración entre os distintos axentes e administracións públicas na defensa, fomento e mellora do tecido comercial galego”, e servirá de reforzo das Mesas Locais de Comercio xa existentes.
Aproveitando a cita, celebrouse tamén a entrega dos premios da campaña Merca no teu Comercio, na que se repartiron 1000 euros en 20 tarxetas de 50 euros para gastar no comercio local. Esta iniciativa está enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio.