A Xunta impulsa a remodelación integral do Mercado de Abastos de Viveiro cun investimento de 500.000€
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou que se modernizarán as instalacións, reorganizando espazos e potenciando a área de comercialización de peixe e marisco
Viveiro (Lugo), 31 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia destina 500.000 euros á remodelación integral do Mercado de Abastos de Viveiro, para modernizar as instalacións, reorganizar espazos e mellorar a eficiencia e a accesibilidade, potenciando especialmente a área dedicada á comercialización de peixe e marisco.
Do investimento total, 320.000 euros proceden da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ao abeiro da convocatoria para o impulso da Rede de Mercados Excelentes, e o resto da Consellería do Mar a través da liñas de axudas vencelladas ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou a praza e destacou que gañará en funcionalidade e calidade do servizo, actuando sobre as condicións enerxéticas, ambientais, acústicas, estéticas e de confort, adaptándose aos requisitos necesarios para a obtención do distintivo de Mercado Excelentes.
Nese sentido, precisou que este recoñecemento que promove o Goberno galego “apela a unha imaxe de excelencia e modernidade, pero sen perder a autenticidade destes espazos e o seu vínculo coa contorna e o produto local”. Así, o proxecto de Viveiro contempla unha intervención completa sobre o edificio priorizando a posta en valor das peixerías como elemento central.
A medida forma parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co obxectivo de aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potencialos como o mellor escaparate e eficaz canle de comercialización dos produtos frescos de proximidade, fomentando un consumo responsable.
O plan para dinamizar o mercado vivariense compleméntase con campañas de promoción do produto pesqueiro e da cultura mariñeira, que inclúen propostas gastronómicas ou actividades en centros escolares, entre outras.