A Xunta solicita a convocatoria da Comisión Bilateral co Estado para garantir unha transferencia da AP-9 con plena seguridade xurídica e financeira

Rueda alerta de que a lei para o traspaso aprobada no Congreso incorpora “modificacións substanciais” respecto á acordada por unanimidade no Parlamento

O Consello do Goberno galego avaliou hoxe un informe xurídico que conclúe que a redacción final da Lei Orgánica presenta dúbidas de constitucionalidade

Advirte que a nova redacción da norma introduce incerteza financeira e elimina a garantía expresa pola que o Estado asumía integramente as consecuencias económicas derivadas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou solicitar a convocatoria da Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para abrir unha negociación sobre a Lei Orgánica 3/2026, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9. “Para clarificar e resolver as diferentes que existen entre Galicia e o Estado sobre esta lei”, indicou.

A decisión fundaméntase no informe xurídico avaliado hoxe no encontro, que conclúe que a redacción finalmente aprobada da norma incorpora “modificacións substanciais respecto da proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia” e que presenta dúbidas de constitucionalidade, xa que non transfire por si mesma as competencias, senón que deixa a súa atribución efectiva a un posterior acordo da Comisión Mixta.

A Xunta considera que, aínda que a lei mantén formalmente a transferencia da autoestrada, traslada a unha futura Comisión Mixta de Transferencias a definición de cuestións esenciais, especialmente as relativas ao alcance das competencias e as obrigas económicas que deberá asumir o Estado.

Segundo recolle o informe, unha lei orgánica de transferencia debe determinar directamente o contido esencial do traspaso, mentres que a Comisión Mixta debe limitarse a executar ese mandato legal mediante o traspaso de medios persoais, materiais e orzamentarios e a fixación da data de efectividade.

“A Comisión Bilateral ten que ser anterior a calquera outro paso, incluíndo a Comisión Mixta de Transferencias”, indicou o presidente.

Así mesmo, explicou que o Goberno galego advirte de que a nova redacción introduce incerteza financeira ao supeditar determinadas obrigas económicas do Estado aos límites económicos existentes no momento en que se alcance o acordo da Comisión Mixta, unha expresión que non figuraba no texto aprobado polo Parlamento de Galicia.

O informe tamén destaca que desaparece a garantía expresa pola que o Estado asumía integramente as consecuencias económicas derivadas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión, previsión que si recollía a iniciativa impulsada desde Galicia.

Por todo isto, a Xunta solicita a apertura dunha negociación no seo da Comisión Bilateral co obxectivo de alcanzar unha transferencia completa, xuridicamente segura e financeiramente suficiente.

Cómpre lembrar que Galicia sempre defendeu que a AP-9 debe transferirse libre de cargas, asumindo o Estado os custes derivados de decisións adoptadas durante o período en que exerceu a titularidade e garantindo os recursos necesarios para a xestión futura. “O traspaso non pode ser a calquera prezo, ten que ser en condicións xustas. Os contribuíntes galegos non teñen que pagar por decisións que non se adoptaron aquí”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2026