A Xunta inviste preto de 73.000 euros na mellora das infraestruturas rurais no Concello de Crecente
Esta localidade recibiu esta achega económica ao abeiro das axudas destinadas a mellorar os servizos básicos no rural e fixar poboación
A través deste orzamento, o concello está a modernizar a rede de alumeado público en diversas zonas da localidade e a mellorar a accesibilidade e a recollida de residuos na residencia San Pedro
Crecente (Pontevedra), 4 de agosto de 2026
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe o concello pontevedrés de Crecente, onde se están a levar a cabo diferentes actuacións para mellorar as infraestruturas da localidade cun investimento total de case 73.000 euros.
Neste sentido, ao abeiro das achegas destinadas a mellorar os servizos básicos no rural e apoiar a fixación de poboación, o concello está a modernizar a rede de alumeado público en diversas zonas da localidade. A maiores, estase mellorando a accesibilidade e a recollida de residuos na residencia San Pedro.
Tal e como explicou a directora xeral, un total de 53 concellos galegos foron beneficiados con esta convocatoria, que se resolveu cun investimento de cinco millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Paz Rodríguez sinalou tamén que estas achegas, que se convocaron por primeira vez neste 2026, forman parte da aposta decidida da Xunta pola dinamización demográfica e a creación de condicións de vida de calidade no medio rural.
Estes fondos permiten acometer diferentes actuacións para mellorar os servizos básicos nas zonas beneficiadas, como poden ser a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poden restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondar na mellora de servizos asistenciais e culturais.