A conselleira do Medio Rural anunciou esta medida nunha visita á empresa láctea Celega, situada no Saviñao e que foi beneficiaria destas subvencións

Medio Rural incrementa en 4 M€ a dotación das axudas para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios

María José Gómez destacou que estas achegas poñen de manifesto o compromiso da Xunta coa industria agroalimentaria galega e lembrou que Executivo autonómico destinou 195 M€ desde 2016 a financiar máis de 600 proxectos con estas subvencións

Incidiu na importancia da responsabilidade e compromiso das industrias lácteas cos produtores galegos

O Saviñao (Lugo), 4 de agosto de 2026

A Consellería do Medio Rural vai incrementar en 4 millóns de euros a dotación da última convocatoria de axudas para apoiar investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Está previsto que a orde correspondente se publique mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e incidirá, concretamente, na liña de achegas para aumentar o valor das producións agrarias, que pasará de 11 a 15 millóns de euros. Esta convocatoria inclúe ademais, por primeira vez, outra liña dirixida a financiar investimentos con obxectivos ambientais, que saíu cun orzamento de 7,9 millóns de euros.

A titular do departamento, María José Gómez, anunciou hoxe este incremento na súa visita á empresa Celega, situada na localidade lucense do Saviñao e que foi beneficiaria destas subvencións. Gómez, que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou que a través destas axudas ponse de manifesto, con feitos, o compromiso da Xunta coa industria agroalimentaria galega.

A conselleira lembrou, neste sentido, que o Goberno galego destinou 195 millóns de euros desde o ano 2016 para financiar máis de 600 proxectos de mellora industrial. E engadiu que a maior parte dos beneficiarios destas subvencións pertencen ao sector lácteo e cárnico, eidos que, de feito, aglutinan a metade do total, segundo remarcou.

Celega, empresa láctea referente

Gómez puxo en valor que Celega, como empresa láctea, forma parte desa relación de beneficiarios e recalcou ademais a súa base cooperativa. Así, definiuna como “un claro referente no sector”, cun importante volume de compras de leite a produtores galegos, eido no que a conselleira incidiu na importancia da responsabilidade e compromiso das industrias. Nesta liña, salientou que as súas instalacións dispoñen de certificacións en seguridade alimentaria, xestión ambiental, benestar animal e residuo cero.

Carreira de burros

Por outra banda, a conselleira, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, asistiu tamén neste mesmo concello do Saviñao á tradicional carreira de burros de Escairón, que este ano acadou a súa edición número 74 e que se celebra no marco das Festas Patronais da Virxe das Dores, padroa do municipio.

Data de actualización: 04/08/2026