O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, visitou o punto de recollida de leite materno emprazado no Hospital Arquitecto Marcide
A Xunta ultima a Estratexia Galega de Lactancia Materna 2026-2030, que ten como un dos obxectivos aumentar ata o 60% os bebés que manteñen a lactación materna exclusiva aos seis meses
Trátase da primeira folla de ruta específica de Galicia nesta materia, que permitirá coordinar actuacións entre saúde pública, atención primaria, hospitais, comunidade educativa, empresas e entidades sociais
Entre as medidas anunciadas polo conselleiro está o reforzo do apoio ás nais desde o embarazo e o puerperio, así como impulsar unha maior formación dos profesionais
Con esta estratexia, a Xunta quere dar un paso máis e pasar das actuacións puntuais a un modelo integral e coordinado para toda a comunidade autónoma
En 2025 os dous bancos de leite do Segas, situados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, xestionaron 670 litros de leite doada, distribuíndo case 380 litros entre 252 bebés
O punto de recollida do Hospital Arquitecto Marcide permite, desde 2018, que as nais desta área sanitaria poidan realizar alí todo o proceso, facilitando unha doazón segura, próxima e integrada na rede pública de bancos de leite do Sergas
O pasado ano recolléronse no Arquitecto Marcide 31,5 litros de leite materno e na actualidade hai cinco doantes activas
O conselleiro agradece ás nais doantes o acto de xenerosidade, solidariedade e compromiso con outras familias
Ferrol, 4 de agosto de 2026
A Xunta está a ultimar a Estratexia Galega de Lactancia Materna 2026-2030, que ten como un dos obxectivos aumentar ata o 60 % os bebés que manteñen a lactación materna exclusiva aos seis meses.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, e pola subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería, Sagrario, Pérez, visitou esta mañá o punto de recollida de leite materno da área sanitaria de Ferrol, emprazado no Hospital Arquitecto Marcide, con motivo da Semana da Lactación Materna, que se celebra do 1 ao 7 de agosto.
Tal e como detallou o conselleiro, esta estratexia galega, que verá a luz proximamente, é a primeira folla de ruta específica de Galicia nesta materia, que permitirá coordinar actuacións entre saúde pública, atención primaria, hospitais, comunidade educativa, empresas e entidades sociais.
Con esta iniciativa, a Xunta quere dar un paso máis e pasar das actuacións puntuais a un modelo integral e coordinado para toda Galicia.
Entre as medidas avanzadas hoxe polo conselleiro está o reforzo do apoio ás nais desde o embarazo e o puerperio, así como impulsar a formación dos profesionais. Igualmente, a Xunta favorecerá as contornas máis amigables coa lactación e fortalecerá as redes comunitarias.
Xunto ao anterior, melloraranse os sistemas de seguimento para que todas as familias teñan as mesmas oportunidades e o mesmo apoio vivan onde vivan, en liña coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde e Unicef, entre outros organismos.
O titular de Sanidade subliñou que a Estratexia Galega de Lactancia Materna 2026-2030 recollerá obxectivos concretos, accións e indicadores que permitan seguir a avanzar nesta materia.
Recoñecemento ás doantes e profesionais
No súa intervención, o conselleiro tivo palabras de especial recoñecemento para as nais doantes, polo seu acto de xenerosidade, solidariedade e compromiso con outras familias. Trátase de mulleres que ademais de coidar e alimentar aos seus propios fillos deciden compartir un recurso tan valioso para ofrecer unha oportunidade de vida e de mellor recuperación a outros bebés.
Tamén agradeceu o traballo dos profesionais do Hospital Arquitecto Marcide e explicou que desde finais do ano 2018 este punto de recollida permite que as nais desta área sanitaria poidan realizar aquí todo o proceso, facilitando unha doazón segura, próxima e integrada na rede pública de bancos de leite do Servizo Galego de Saúde.
Gómez Caamaño sinalou que no pasado ano se recolleron neste punto 31,5 litros de leite materno e, na actualidade, hai cinco doantes activas, cifras que agarda seguir incrementando.
Tamén referiu que en 2025 os dous bancos de leite do Servizo Galego de Saúde, situados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, xestionaron 670 litros de leite doada, distribuíndo case 380 litros e beneficiando a 252 bebés.
O titular de Sanidade dixo que estas cifras reflicten a solidariedade das nais e o traballo dos profesionais que fan posible que esa doazón chegue con todas as garantías de seguridade aos nenos que máis a necesitan. Ese xesto e ese traballo resultan imprescindibles na atención á saúde nos primeiros días de vida e son exemplo de como unha rede pública ben organizada achega este recurso aos bebés de toda Galicia.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde incidiu en que a evidencia científica demostra que a lactación materna mellora a saúde dos nenos e das nais, ademais de reducir o risco de enfermidades ao longo da vida e de achegar beneficios sociais, económicos e ambientais.