A Xunta financia con 454.000 euros o obradoiro dual de emprego de Sarria, que continúa rehabilitando o Campo da Feira

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, subliñou que os 20 participantes aprenden oficios con boas perspectivas laborais e contribúen á recuperación deste espazo emblemático da localidade

Sarria (Lugo), 4 de agosto de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 454.500 euros a financiar a sexta edición do obradoiro dual de emprego “Sarria, Camiño de Santiago”, que continúa cos labores de rehabilitación no Campo da Feira da vila.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe o lugar para coñecer os primeiros traballos que se están a acometer ao abeiro deste proxecto, posto en marcha no mes de xuño.

No obradoiro participan 20 persoas desempregadas, que durante nove meses recibirán formación e adquirirán experiencia profesional en oficios con boas perspectivas de inserción laboral; en concreto, 10 aprenden a especialidade de Fábricas de albanelería e outros tantos a de Instalación de elementos de carpintería.

Villares destacou que estas iniciativas “deixan pegada nos participantes, que reorientan a súa traxectoria profesional, e no territorio, como demostra a transformación que está a experimentar este Campo da Feira, cada vez máis renovado e funcional grazas ás reformas que van incorporando as distintas edicións do taller”.

O proxecto actual acometerá a rehabilitación do pendello do polbo -xa hai cinco restaurados no recinto-, o recubrimento da fachada da nave do Mercado Gandeiro, a reforma interior dos aseos públicos e o acondicionamento de muros, entre outras actuacións.

Actualmente estanse desenvolvendo 16 obradoiros duais de emprego na provincia de Lugo e tramítase a resolución da segunda convocatoria, que sumará novos proxectos a executar no bienio 2026-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2026