Medio Rural destina 360.000 euros aos programas de control dos produtos agroalimentarios galegos
A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución destas axudas, das que se benefician 16 consellos reguladores
Estas achegas permiten reforzar os sistemas de control que garanten a orixe, a calidade e o cumprimento dos requisitos dos produtos amparados polos selos de calidade diferenciada
Nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas que non reciben estas axudas, é a propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria a que desenvolve directamente as tarefas de control
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas destinadas a financiar os programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por distintivos de calidade diferenciada. A convocatoria conta cun orzamento de 360.000 euros e beneficia a 16 consellos reguladores.
Estas achegas teñen como finalidade apoiar a implantación e o desenvolvemento dos programas de control, contribuíndo a manter o elevado nivel de rigor e garantías que caracteriza os produtos galegos de calidade diferenciada. O control constitúe unha peza esencial destes selos, xa que permite garantir ao consumidor a orixe, autenticidade e calidade dos produtos que identifica no mercado.
Neste sentido, o sistema de control abrangue o conxunto das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas. Así, nas DO e IXP cuxos consellos reguladores non reciben estas axudas para desenvolver esta función, é a propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria a que leva a cabo directamente as tarefas de control, garantindo deste xeito o cumprimento dos requisitos establecidos nos correspondentes pregos de condicións.
Deste xeito, o Goberno galego reforza o seu apoio ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas existentes en Galicia e, en xeral, ao conxunto da calidade diferenciada galega, no que tamén se integran a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria. Estes distintivos constitúen unha ferramenta fundamental para xerar valor engadido, fortalecer as producións vinculadas ao territorio e ofrecer maiores garantías aos consumidores.
Entre os conceptos subvencionables figuran os gastos derivados da participación do persoal dos consellos reguladores nas tarefas de control, como os de desprazamento, manutención e aloxamento. Tamén se inclúen gastos en equipamento técnico, ferramentas informáticas e material de laboratorio, entre outros elementos necesarios para desenvolver estes labores.
Ligazón á resolución:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260807/AnuncioG0528-310726-0001_gl.html