A Xunta amplía en 2M€ as axudas para adquisición de vivendas en centros históricos e vivendas protexidas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución deste incremento do orzamento desta convocatoria axudas para 2026, que ten aberto o prazo de solicitude ata o día 15 de outubro
A Xunta xa abonou o 100% das 188 achegas concedidas para adquisición de vivenda protexida e en centros histórico da convocatoria inicial, de 2M€
Con esta ampliación de crédito, a Xunta destina 4M€ á estas axudas financiadas exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma
A liña de axudas para adquisición en centros históricos amplía o seu orzamento en outros 280.000 euros e a de adquisición de vivenda protexida con outros 1.7M€
A vindeira semana publicarase a convocatoria da liña de axudas, dirixida a menores de 36 anos, para facilitar e promover a adquisición ou autopromoción de vivenda en concellos con poboación residente igual o inferior a 10.000 habitantes.
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.
A Xunta amplía en outros 2 millóns de euros (2.005.109€), o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de seguir atendendo a demanda da cidadanía.
Cómpre lembrar que a Xunta xa abonou os 2M€ das axudas concedidas nesta convocatoria do 2026. E dicir, o 100% das 188 achegas concedidas para adquisición de vivenda protexida e en centros histórico.
Con esta ampliación de crédito, a Xunta destina un total de 4M€ á estas axudas, financiadas exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma, dirixidas a compra de vivendas que deberán ser a residencia habitual e permanente dos adquirentes.
A liña de axudas para adquisición en centros históricos amplía o seu orzamento en outros 280.000 € e a de adquisición de vivenda protexida con outros 1.7M€.
Así, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución do incremento do orzamento destas axudas para este ano, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro día 15 de outubro.
As axudas
Polo que respecta á adquisición de vivendas en centros históricos, as axudas están destinadas á persoas físicas con ingresos iguais ou inferiores a 6,5 veces o Iprem e as vivendas deberán estar emprazadas dentro dun dos centros históricos indicados na convocatoria.
Neste caso a axuda será de ata 10.800 euros con carácter xeral, aínda que a contía se incrementa a 12.800 euros no caso de que os adquirentes sexan menores de 36 anos e a 15.000 euros se a vivenda se adquire no ámbito dunha área Rexurbe, sen límite de idade neste último caso.
Os adquirentes de vivendas protexidas deberá cumprir os requisitos de ingresos que esixa a normativa reguladora da vivenda a adquirir e o importe da axuda dependerá da área xeográfica na que se emprace a vivenda.
No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo), o importe da axuda será de ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
Para vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, a axuda será de ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.
Nos dous casos o importe da axuda será o 20 por cento do custe da vivenda, coas contías máximas indicadas.
Próximas convocatorias
No marco da liña de axudas en apoio aos menores de 36 anos, a vindeira semana a Xunta publicará tamén a convocatoria para este ano da liña de axudas dirixida a facilitar a adquisición ou autopromoción de vivenda en concellos con poboación residente igual o inferior a 10.000 habitantes.