A Xunta impulsa unha nova edición do programa Innovación e Talento Novo a prol da conexión entre o ecosistema emprendedor e o ámbito universitario
Neste sentido, as persoas emprendedoras interesadas en inscribirse poderán facelo ata o 21 de agosto a través de U4impact
Algúns proxectos realizados no marco desta iniciativa son os do Grao en Publicidade e Relacións Públicas coa empresa Cultivo Gallego e do Grao de Enxeñería Informática da man de Mvico Eexperience
Outros proxectos desenvolvidos neste programa son o de Sembra Biojoyas e o Grao en Deseño e Xestión de Moda e o de LongSeq Application no marco do mestrado en Bioinformática para as Ciencias da Saúde e do Grao en Bioloxía
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia, a través de Rede de polos de emprendemento, a plataforma U4impact e as universidades públicas galegas impulsan unha nova edición do programa Innovación e Talento Novo. Esta iniciativa busca conectar o talento universitario cos retos reais do tecido empresarial e o ecosistema emprendedor galego, transformando os Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Máster (TFM) en proxectos de impacto real.
Neste sentido, as persoas emprendedoras interesadas en inscribirse poderán facelo ata o 21 de agosto a través de U4impact neste enlace. En concreto, con este programa poderán colaborar con estudantes que desenvolverán o seu TFG ou TFM en base aos seus proxectos emprendedores co fin de atender as súas necesidades.
Algúns exemplos reais de proxectos levados a cabo dentro desta iniciativa puxéronse en valor no Demo Day celebrado en xullo no Centro de Orientación ao Emprendemento, onde foron presentados polo estudantado participante.
En concreto, unha estratexia de comunicación e divulgación para promover o cultivo biointensivo de produtos de temporada, no marco do Grao en Publicidade e Relacións Públicas e en colaboración coa empresa Cultivo Gallego. Un segundo proxecto centrouse na automatización da xestión de comunicacións con provedores loxísticos e de mantemento, ao abeiro do Grao de Enxeñería Informática e da man de Mvico Eexperience.
Outra iniciativa presentada é unha estratexia de comunicación e márketing para Sembra Biojoyas, co fin de visibilizar a xoiería natural e sostible como traballo final do Grao en Deseño e Xestión de Moda. Ademais, deuse a coñecer o repositorio semántico de variantes estruturais do xenoma humano, en colaboración coa empresa LongSeq Application e no marco do mestrado en Bioinformática para as Ciencias da Saúde e do Grao en Bioloxía.
Deste xeito, co programa Innovación e Talento Novo, a Xunta de Galicia, a plataforma U4impact e as universidades públicas galegas poñen en valor o talento novo e a cooperación entre o ecosistema emprendedor co ámbito universitario. O obxectivo é proporcionar ás persoas estudantes universitarias un itinerario formativo compatible e adaptado ao seu último ano de carreira, acompañado de primeiras oportunidades profesionais a través dos respectivos proxectos emprendedores en colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.