Medio Rural promociona os produtos galegos de calidade diferenciada no festival Rock & Viño de Ribas de Sil
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na proposta gastronómica desenvolvida no festival, con cinco degustacións elaboradas a partir de produtos amparados por diferentes distintivos de calidade
Destacou o papel da calidade diferenciada para xerar valor engadido, reforzar a identidade das producións galegas e manter actividade económica no rural
A proposta completouse coa presenza de diferentes adegas da DO Ribeira Sacra, unindo gastronomía, viño, música e territorio
Ribas de Sil (Lugo), 14 de agosto de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe na proposta gastronómica celebrada no marco da terceira edición do festival Rock & Viño de Ribas de Sil para promocionar os produtos galegos de calidade diferenciada. Esta acción, enmarcada no Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, permitiu achegar ao público estas producións a través de cinco degustacións elaboradas con produtos amparados por diferentes distintivos de calidade diferenciada.
A proposta gastronómica estivo acompañada pola presenza de diferentes adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, reforzando así a unión entre gastronomía, viño, música e territorio que caracteriza esta cita. Neste sentido, Alemparte salientou a importancia de aproveitar eventos culturais e de lecer para achegar os produtos de calidade diferenciada a novos públicos e favorecer o seu coñecemento e identificación por parte dos consumidores.
As degustacións permitiron realizar un percorrido por diferentes producións galegas. A primeira estivo protagonizada polos queixos premiados nas Catas de Galicia, pertencentes ás DOP Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón da Costa, así como por queixos de Artesanía Alimentaria, acompañados da IXP Pan de Cea.
A segunda proposta combinou IXP Ternera Gallega, verduras de Agricultura Ecolóxica, DOP Arzúa-Ulloa, IXP Pataca de Galicia e DOP Pemento de Herbón. A continuación ofreceuse unha degustación con IXP Grelos de Galicia e outros produtos de calidade diferenciada, seguida de minihamburguesas de porco celta de Artesanía Alimentaria. Como peche doce, os asistentes puideron degustar xeados artesáns elaborados ao abeiro de Artesanía Alimentaria.
Produtos que xeran valor e fan territorio
O director da Axencia incidiu no papel da calidade diferenciada como ferramenta para xerar maior valor engadido nas producións agroalimentarias galegas. Estes distintivos permiten ao consumidor identificar produtos cunha orixe e unhas características diferenciais, ofrecendo garantías de autenticidade e calidade e contribuíndo, ao mesmo tempo, a fortalecer as explotacións e industrias agroalimentarias, manter actividade económica no rural e facer territorio.
Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que a Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025. O obxectivo é reforzar a promoción destas producións, incrementar a súa visibilidade e favorecer que os consumidores coñezan, identifiquen e valoren os selos que certifican a súa orixe e calidade.