A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable con condicións para a ampliación dunha explotación de ceba de gando vacún en Castroverde

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a iniciativa teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran as condición fixadas na propia resolución autonómica e na documentación avaliada 

O proxecto incrementará a capacidade da explotación ata as 1.616 prazas para tenreiros coa construción dunha corte, unha esterqueira e un silo para a forraxe

Unha vez ditada a DIA, o promotor terá que obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable con relación ao proxecto de ampliación dunha explotación de ceba de gando vacún, no concello de Castroverde (Lugo), condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto de documentación avaliada como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran ao longo do propio documento.

Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que conclúe que tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial é ambientalmente viable.

Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de oito organismos públicos e entidades consultados e ningunha alegación.

Froito das consultas realizadas, os informes emitidos recolleron a valoración correspondente, establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que figura na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, os organismos consultados consideran que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos nos distintos eidos analizados e que, por tanto, sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, das augas, do solo, da fauna, a vexetación e os hábitats naturais, a xestión de residuos e a integración paisaxística. 

Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural- e dáselle publicidade mediante o anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería. 

O proxecto está promovido por Ganados José, SL, e ten por obxecto a ampliación dunha explotación de ceba de gando vacún con capacidade para 1.616 prazas e coa construción dunha corte para o cebo dos becerros, unha esterqueira e un silo para a forraxe. 

Importancia da declaración de impacto ambiental

Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.

De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.

Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.

Data de actualización: 17/08/2026