María José Gómez destaca o investimento de máis de 340.000 euros para favorecer o desenvolvemento rural no concello de Begonte

A conselleira do Medio Rural comprobou hoxe os avances das obras de adecuación e ampliación do local social de Carral, que conta cun investimento por parte do Goberno galego de máis de 170.000 euros

Salientou que, a través desta iniciativa, a veciñanza de Begonte verá mellorada a calidade dos espazos comúns de uso público

A maiores puxo en valor as achegas do programa Leader neste municipio, que se sitúa preto doutros 170.000 euros para financiar diferentes proxectos que contribúan a dinamizar estas contornas

Begonte (Lugo), 17 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou un investimento de máis de 340.000 euros para favorecer o desenvolvemento rural no concello de Begonte, a través do cal se financia a mellora e ampliación do local social de Carral. Hoxe comprobou os avances das obras deste proxecto, onde estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Detallou que esta actuación conta cun investimento por parte da Consellería de máis de 170.000 euros para financiar estas obras, aos que se lle suman outros 43.000 euros por parte do Concello, polo que conta cun orzamento total superior aos 210.000 euros. A súa execución permitirá aumentar a superficie do edificio e renovar os seus principais elementos construtivos coa substitución da cuberta, a renovación do chan ou a mellora do illamento, entre outros.

A conselleira destacou que, a través desta iniciativa, a veciñanza da localidade verá mellorada a calidade dos espazos comúns de uso público. Asegurou que nesta liña se traballa desde a Consellería para que a poboación poida dispoñer dos mellores servizos públicos posibles.

Programa Leader

A maiores, a conselleira tamén puxo en valor outro investimento realizado no concello de Begonte, neste caso a través do programa Leader. Así, a Consellería destinou preto de 170.000 euros en axudas para o financiamento de diferentes proxectos que redundan no desenvolvemento do rural e contribúen a fixar poboación.

Gómez salientou a importancia do Leader, xa que permite financiar iniciativas que supoñen a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e autoemprego, así como non produtivos que beneficien á poboación destas contornas.

Neste sentido, cómpre lembrar que a convocatoria do Leader deste ano conta cun orzamento histórico de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028, e que recibiu preto dun milleiro de solicitudes, un 65 % máis con respecto á anterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2026