Villares comproba o resultado das melloras realizadas no local social de Quiroga no marco do programa Leader

Quiroga (Lugo), 17 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia, a través da Consellería  do Medio Rural, destinou 13.400 euros á mellora do local social de Quiroga. A achega concedida, xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, supón o 90% do orzamento total.

O delegado territorial, Alfonso Villares, visitou esta tarde as instalacións acompañado do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, para comprobar o resultado da actuación, promovida polo Concello.

En concreto, os traballos consistiron na instalación dun sistema de climatización mediante bombas de calor. A actuación incluíu o subministro e montaxe de tres equipos de aerotermia -un cassette de teito e dúas consolas chan/teito-, a reforma do cadro eléctrico existente e as intervencións necesarias para a posta en funcionamento da instalación.

A intervención permitiu mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética deste espazo municipal de uso social, garantindo un uso continuado do local ao longo de todo o ano, en condicións axeitadas de seguridade e salubridade.

Villares destacou o apoio do programa Leader a proxectos “que contribúen á dinamización social do rural e á mellora dos servizos e equipamentos públicos, o que ten unha incidencia directa na calidade de vida da veciñanza”.

Neste 2026 o Goberno autonómico publicou a maior convocatoria da historia das axudas Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028. Ademais, esta nova convocatoria recibiu preto de 1.000 solicitudes, o que supón un incremento dun 65% máis respecto ao ano anterior. Cabe sinalar tamén que a intervención Leader mobilizou máis de 40 millóns de euros para o rural galego en axudas para a posta en marcha de proxectos de desenvolvemento rural, ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2026