Medio Rural incrementa o orzamento das axudas para trasformación e comercialización de produtos agrarios ata os 23 M€
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as instalacións da empresa Produtos Cárnicos Domínguez, beneficiaria destas axudas cunha achega económica de máis de 80.000 euros
A convocatoria deste ano é a primeira en contar con dúas liñas subvencionables, unha centrada na mellora da produción agraria, e outra novidosa para investimentos con motivos ambientais
Con estas axudas, a entidade puido realizar traballos de acondicionamento de superficies, ademais de ampliar a instalación frigorífica e adquirir novo equipamento técnico
Vimianzo (A Coruña), 18 de xullo de 2026.
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe as instalacións da empresa Produtos Cárnicos Domínguez en Vimianzo. Alí, comprobou as melloras realizadas a través do investimento de máis de 80.000 euros que recibiu mediante as axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios que convoca a Consellería do Medio Rural. Con estas achegas, que veñen de aumentar o seu orzamento con 23 millóns de euros ata o ano 2028, a Xunta reforza o seu compromiso co sector primario e pola xeración de valor engadido neste eido.
Balseiros destacou que a convocatoria deste ano contou por primeira vez con dúas liñas subvencionables, unha centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias, que incrementou o seu orzamento ata os 15 millóns de euros; e outra novidosa para investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros.
Tamén, puxo en valor os investimentos desde o ano 2016 nesta materia, cos que se financiaron máis de 600 proxectos. En concreto, o Goberno destinou 195 millóns de euros para seguir potenciando a industria agroalimentaria galega a través da transformación e comercialización dos seus produtos.
Produtos Cárnicos Domínguez
Esta empresa dedícase á elaboración de embutidos, despeces de tenreira, vacún maior e porcino, salazóns, produtos cárnicos cocidos e asados, entre outros. Mediante estas subvencións, a empresa puido realizar traballos de acondicionamento de superficies nas súas instalación, en concreto no obradoiro con panelado e tratamento epoxi en solos, ademais de ampliar a instalación frigorífica e adquirir unha termoformadora e equipamento para a sala de i+d.