A conselleira María José Gómez visitou as instalacións da queixería Hoxe, en Lalín
Medio Rural reafirma a súa aposta pola xeración de valor engadido nos produtos lácteos a través do selo Galega 100 %
A Xunta lembra que esta certificación facilita ademais a identificación do produto galego de calidade diferenciada por parte das persoas consumidoras
O distintivo Galega 100 % pode empregarse no leite líquido, pero tamén en derivados lácteos como queixo en barra que producen cooperativas coma Hoxe, elaborado cunha materia prima procedente da nosa comunidade e dunha excelente calidade
Lalín (Pontevedra), 17 de agosto de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, animou hoxe ás industrias lácteas da nosa comunidade a empregar o selo Galega 100 % nos seus produtos e máis concretamente nos seus queixos en barra, co fin de dotalos de valor engadido e facilitar a súa identificación por parte das persoas consumidoras. Foi durante a súa visita á queixería Hoxe, situada en Lalín e na que estivo acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
A conselleira salientou que o distintivo Galega 100 % pode empregarse no leite líquido, pero tamén en derivados lácteos como queixo en barra que producen cooperativas coma Hoxe, elaborado cunha materia prima procedente da nosa comunidade e dunha excelente calidade. Desta forma, sinalou Gómez, quen vexa nun supermercado queixo en barra Galega 100 % poderá saber rapidamente que se trata dun produto sometido a estritos controis de calidade e trazabilidade, con parámetros hixiénicos e sanitarios superiores.
Cómpre lembrar, neste sentido, que o selo Galega 100 %, xestionado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e promovido polo Goberno autonómico, ten como obxectivo poñer de relevo a produción láctea galega, ao tempo que se lle ofrece ás persoas consumidoras unha identificación baseada na orixe e calidade do produto.
Nesta visita, a conselleira puxo á cooperativa Hoxe como “todo un exemplo da potencialidade que ofrece a transformación do leite na nosa comunidade”. Así, valorou que traballan con máis de 100 explotacións da súa contorna, o que lles permite transformar arredor de 40.000 litros de leite diarios e producir máis dun millón de quilos de queixo ao ano, gran parte deles amparados polas denominacións de orixe protexidas Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa.