A Xunta publica no DOG a convocatoria das axudas para menores de 36 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

A través desta liña de axudas finánciase a contía máxima do 20% do prezo de adquisición ou do custo da autopromoción, cun máximo de 15.000€ por vivenda

O prazo de solicitudes abrirase o 27 de agosto e permanecerá activo ata o 16 de novembro

Estas achegas para a adquisición son compatibles cos avais que ofrece a Xunta e cuxa convocatoria xa está aberta ata o 30 de outubro

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026

A Xunta lanza a convocatoria das axudas para menores de 36 anos para a adquisición ou autopromoción de vivenda en concellos con poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes.

A convocatoria para este ano 2026 publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Neste enlace pódese ampliar a información relativa a esta Resolución: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260819/AnuncioC3Q2-110826-0002_gl.html

O obxectivo destas achegas é facilitar á mocidade o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade, ben mediante a súa adquisición ou a través da súa propia promoción, nunha parcela ou soar de propiedade da persoa solicitante desta liña de axudas. 

O prazo de solicitudes abrirase o día 27 de agosto e permanecerá aberto ata o vindeiro día 16 de novembro.

A contía máxima da axuda será do 20% do prezo de adquisición de vivenda ou do custo da autopromoción, sen incluír os gastos e tributos inherentes, cun máximo de 15.000 euros por vivenda. O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, así como o custo da autopromoción da vivenda será igual ou inferior a 250.000 euros.

Estas axudas destínanse a vivendas que deberán ser residencia habitual e permanente durante un prazo de 5 anos desde a súa adquisición ou desde a finalización da obra, no suposto da autopromoción.

As bases da convocatoria especifican que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia serán propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.

Estas achegas para a adquisición son compatibles cos avais que ofrece a Xunta e cuxa convocatoria xa está aberta ata o 30 de outubro.

O Goberno avala ata o 20% do prezo de adquisición da vivenda, que complementa o financiamento que concede a entidade bancaria, facilitando así que mozos e familias poidan afrontar a compra do seu primeiro fogar. Nesta convocatoria, a Xunta avalará ata 5M€.

Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén vén de ampliar en 2M€ o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de seguir atendendo a demanda da cidadanía. O prazo de solicitude está aberto ata o día 15 de outubro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026