A Xunta dá luz verde ambiental ao plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución dun centro de equitación no Concello de Abegondo

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións

O proxecto afecta a unha superficie de máis de 16.000 metros cadrados de solo rústico, na que se prevé a construción do complexo ecuestre orientado á garda e cría de cabalos, ao adestramento e a aprendizaxe da equitación

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución dun centro ecuestre no lugar da Ribeira, na parroquia de Santaia de Abegondo, no concello coruñés de  Abegondo. O obxecto é permitir a implantación dun equipamento privado destinado á garda e cría de cabalos, ao adestramento e a aprendizaxe da equitación.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución e se atendan mellorar en cuestións como estudos da paisaxe, a xestión das augas ou a acústica da superficie de actuación.

Neste senso, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan especial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor -Centro Ecuestre Coconut Abegondo, SL- e ao órgano substantivo -o Concello de Abegondo- xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e farase público mediante a publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto deste plan especial é implantar un centro ecuestre orientado á garda e cría de cabalos, ao adestramento e a apredizaxe da equitación. Así, o proxecto inclúe a construción de cuadras, picadeiro con espazo cuberto destinado á práctica e ensinanza desta modalidade e unha edificación principal orientada a oficinas, cafetería e aseos.

A superficie do ámbito de actuación é de máis de 16.000 metros cadrados, nuns terreos situados no lugar de Ribeira, na parroquia de Santaia. A maiores, prevense tamén actuación exteriores con diferentes zonas na contorna das edificacións, o acceso desde o viario municipal lindeiro e unha área de aparcadoiro, terrazos exteriores e espazos destinados como libres, que se poderán acondicionar con elementos naturais para adestramento dos cabalos e unha zona de pastos que manterá o seu carácter actual.

Data de actualización: 21/08/2026