O Servizo Galego de Saúde publica a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas para persoal sanitario e de xestión e servizos
As persoas participantes disporán dun prazo de 15 días naturais para realizar as modificacións que estimen oportunas na selección inicial de destinos
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se aproba e publica a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas para as categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao presente ano.
A relación de prazas ofertadas por categoría e centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección Emprego público/Concurso de traslados/Concurso de traslados aberto e permanente 2026.
As persoas participantes disporán dun prazo de 15 días naturais (entre o 25 de agosto e o 9 de agosto, ambos os dous incluídos) para realizar as modificacións que estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...).
No caso de que a solicitude se garde sen ningún destino seleccionado, esta excluirase do ciclo de adxudicación en curso. No caso de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico. Se non se desexa realizar ningunha modificación na selección inicial, non se terá que realizar ningunha operación por parte dos participantes.
A oferta real de prazas por categoría, con información do número de vacantes e resultas estará dispoñible no formulario de inscrición no proceso. As modificacións que se realicen deben asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional.
De conformidade co previsto no artigo 8.3 do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, na relación de prazas que se fai pública mediante esta resolución figuran destinos ofertados cun requisito de docencia (prazas “con titorías”). O profesional que opte a tales prazas deberá estar acreditado como titor no prazo máximo dun ano desde a súa toma de posesión, e exercer como tal unha vez acreditado.
Este é o noveno ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.