O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo unha xuntanza cos responsables da entidade de axuda e apoio á infancia, a Fundación Meniños

A Xunta e a Fundación Meniños exploran vías de colaboración a prol do benestar emocional da infancia e a adolescencia

A entidade presentou ao conselleiro o programa de atención terapéutica especializada en nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade psicosocial

Así mesmo, abordouse un programa específico de saúde mental perinatal, para ofrecer apoio psicolóxico a mulleres durante o embarazo e o primeiro ano tras o nacemento dos fillos

O titular de Sanidade incidiu na aposta polo impulso de actuacións que favorezan a prevención, a detección precoz e a intervención temperá en saúde mental

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, mantiveron unha reunión con responsables da Fundación Meniños para coñecer os programas especializados que están a desenvolver na prevención e atención en saúde mental. Deste xeito, a Xunta reitera o seu compromiso coa promoción do benestar emocional na infancia, a adolescencia e a etapa perinatal.

En concreto, a entidade de axuda e apoio á infancia presentou aos responsables sanitarios un programa de atención terapéutica especializada en nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade psicosocial. Esta iniciativa ofrece unha versión integral orientada a abordar as dificultades emocionais, condutuais e relacionais derivadas de experiencias adversas, mediante un traballo coordinado coas familias e o sistema sanitario, educativo e social.

Así mesmo, a Fundación Meniños abordou o programa específico destinado ao coidado da saúde mental perinatal, un proxecto deseñado para ofrecer apoio psicolóxico especializado a mulleres durante o embarazo e no primeiro ano tras o nacemento dos fillos.

Na reunión destacouse a importancia de impulsar modelos de intervención que integren a prevención, a atención temperá e o traballo coordinado entre as diferentes administracións e os recursos comunitarios, co obxectivo de ofrecer respostas eficaces ás necesidades de nenos, adolescentes e familias.

Décadas de experiencia en saúde mental

A Fundación Meniños é unha ONG con tres décadas de experiencia e colaboración cos sistemas públicos de protección, saúde e educación.

Deste xeito, o seu traballo baséase na prevención e intervención temperá, cun modelo de atención centrado na familia e a contorna, na alta especialización en trauma e protección infantil e na intervención multidisciplinar (psicolóxica, social e educativa).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026