O conselleiro de Sanidade, acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, asinou o convenio de colaboración

A Consellería de Sanidade renova a súa colaboración coa Federación Autismo Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva

A Xunta destinará á entidade 43.405 euros para a realización destas actividades

Desde o ano 2014 ao 2025, o departamento sanitario da Xunta achegou tamén máis de 104.000 euros ao programa de apoio en contextos naturais para persoas con TEA

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026

A Xunta vén de renovar a súa colaboración coa Federación Autismo Galicia para promover a sensibilización e a concienciación social sobre o TEA, así como a implementación de medidas de humanización e de acceso aos servizos e procesos sanitarios que faciliten o seu uso por parte de persoas con esta condición.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da entidade, Mercedes Fernández, asinaron a renovación do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Autismo Galicia, nun acto no que tamén estivo presente a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz.

Para poder desenvolver estas actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva, o departamento sanitario da Xunta destinará á federación 43.405 euros.

Cómpre sinalar, igualmente, que no ano 2025 a Consellería de Sanidade colaborou, cunha achega de 11.845 euros, no programa de apoio en contextos naturais para persoas con diagnose de trastorno do espectro autista, que beneficiou de xeito directo a 200 persoas. Desde o ano 2014 ata o 2025, a achega total da Xunta para este programa superou os 104.000 euros.

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), vén de realizar unha formación específica sobre a Escala de Observación para a Diagnose do Autismo (ADOS-II). Esta ferramenta permite avaliar aspectos clave como a comunicación, interacción social, xogo e condutas repetitivas en nenos, adolescentes e adultos con sospeita de TEA.

Compromiso galego coa saúde mental

O Executivo galego está a ultimar o novo Plan de Saúde Mental, que suporá a consolidación dunha rede de psicoloxía clínica en atención primaria con 50 profesionais e 2030 e eleva desde os 16 ata os 18 anos a idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil. Ademais, inclúe programas de transición á idade adulta e programas formativos para os profesionais.

Cada unha das sete áreas sanitarias conta cunha unidade de atención infanto-xuvenil, especializadas en saúde mental.

Do mesmo xeito, o servizo de atención primaria é clave na detección precoz e nela destacan o programa do Neno San e a Guía de saúde infantil, centrados na atención temperá a pacientes con esta condición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2026