A Xunta louva o labor de Cegasal no eido da economía social a prol dun mercado laboral forte, dinámico e inclusivo
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou a sede de Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), onde agradeceu o seu labor no eido da economía social a prol dun mercado laboral forte, dinámico e inclusivo. Nese senso, salientou non só a súa implicación a prol da contratación no ámbito das entidades sen ánimo de lucro, senón tamén na difusión dun modelo económico máis solidario e pegado ao territorio no marco da Rede Eusumo impulsada pola Xunta.
Pérez Iglesias recordou que Galicia está a executar a segunda Estratexia Galega de Economía Social, cun horizonte ata 2027 co obxecto de reforzar a presenza desta fórmula económica en sectores emerxentes como o tecnolóxico, o industrial ou o verde, así como fomentar o emprendemento colectivo e a creación de emprego. En concreto, a planificación prevé a creación de 400 novas entidades e a xeración de 4.000 postos de traballo, consolidando a economía social como piar do ecosistema económico galego.