O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou o proxecto nunha visita ao centro esta mañá

Román Rodríguez anuncia un investimento de 1,4 M€ para ampliar o Colexio Vicente Otero Valcárcel de Carral

A obra vai permitir unha nova organización de espazos adaptada ás necesidades actuais deste centro, ofrecendo así unha maior calidade educativa ao alumnado

Crearanse seis aulas novas grazas á construción dun novo andar do edificio, unificarase o comedor e habilitarase un novo patio de xogos, entre outras actuacións

A previsión é licitar a obra no primeiro trimestre de 2027

Carral (A Coruña), 27 de agosto de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe un investimento de case 1,4 M€ para ampliar as instalacións do Colexio Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, na localidade coruñesa de Carral. Nunha visita ao centro na que presentou o proxecto, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que a intervención “vai crear seis aulas máis que permitirán unha nova organización de espazos adaptada ás necesidades actuais deste centro, ofrecendo así unha maior calidade educativa ao alumnado”.

A principal actuación consiste na construción dun andar máis sobre o comedor, no que se crean catro aulas novas de Primaria. Ademais, na planta baixa ampliarase unha das clases de Infantil xa existente e crearanse outras dúas novas na aula de psicomotricidade actual. Por outra banda, unificaranse os dous comedores que hai na actualidade, de tal forma que un deles se amplía para acoller a todos os usuarios e o outro cambia o seu uso para ser aula de psicomotricidade. Xa no exterior créase un novo patio de xogos.

O programa da obra inclúe, así mesmo, a ampliación dos ventanais para mellorar as condicións de iluminación e ventilación das aulas de infantil da zona noroeste, a adaptación dos aseos da planta baixa e a redistribución da zona do profesorado. A previsión é licitar a intervención no primeiro trimestre do 2027 para poder comezar os traballos arredor do mes de xuño.

Investimento de 12 M€ nos centros da área da Coruña

Román Rodríguez destacou que esta actuación eleva a 12 M€ o investimento do Goberno galego en obras de mellora dos centros educativos da área da Coruña no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. “E, a maiores, na propia cidade herculina estamos a destinar 24 M€ a renovar as instalacións de 40 colexios e institutos”, lembrou.

Entre as actuacións máis destacadas en marcha este verán na área cómpre sinalar a ampliación do Instituto de Pastoriza (Arteixo, 2,1 M€), e as rehabilitacións integrais do Colexio Pedro Barrié de la Maza (Sada, 1,6 M€) e do Instituto Manuel Murguía  (Arteixo, 1,3 M€).

Ademais, están xa rematadas obras como as rehabilitacións integrais dos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos, 875.000 €) e Plurilingüe San Marcos (Abegondo, 773.000 €), a ampliación do IES Miraflores (Oleiros, 472.000 €), así como os cambios de cuberta no Centro Integrado de FP Universidade Laboral (Culleredo, 514.000 €) e nos colexios Plurilingüe O Mosteirón (Sada, 385.000 €) e Ponte dos Brozos (Arteixo, 370.000 €). Tamén se executaron a cubrición da pista do IES Afonso X O Sabio (Cambre, 352.000 €), a reforma da cociña e comedor do Colexio da Rabadeira (Oleiros, 280.000 €) e o patio cuberto do Juana de Vega (Oleiros, 98.000 €); a maiores das actuacións de pequena e mediana envergadura que se realizan cada verán ao abeiro do Plan Ben_Estar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/08/2026