A delegada da Xunta na Coruña acompaña a chegada da 77ª etapa do proxecto ‘Romper o silencio’, un reto deportivo para concienciar sobre a prevención do suicidio
A Coruña, 27 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe á meta da 77ª etapa do proxecto ‘Romper o silencio’, unha iniciativa impulsada polo bombeiro madrileño Jaime Domínguez que utiliza o deporte como ferramenta para dar visibilidade á saúde mental e promover a prevención do suicidio.
O proxecto ‘Romper o silencio’ contempla a realización de 30 maratóns consecutivos durante o mes de agosto, nun percorrido que vai desde Málaga ata Santiago de Compostela. A Coruña forma parte así dun itinerario no que cada parada se converte nun punto de encontro para dar visibilidade á iniciativa e achegar á cidadanía o seu principal obxectivo: favorecer a conversa sobre o suicidio e a saúde mental e contribuír á súa prevención.
O reto consiste en percorrer 3.953 quilómetros por toda España, un por cada persoa que morreu por suicidio no país durante 2024, convertendo cada quilómetro nunha oportunidade para falar de saúde mental, prevención do suicidio e da importancia de pedir axuda.
A etapa celebrada na Coruña consistiu nun novo maratón de 42 quilómetros, con saída e chegada no Parrote. Jaime Domínguez iniciou o percorrido ás 8.00 horas e completou a distancia en catro voltas de aproximadamente dez quilómetros, acompañado do seu compromiso de facer visible unha realidade que precisa ser abordada con máis naturalidade e sen silencios.
Durante a súa presenza na meta, Belén do Campo puxo en valor o compromiso de Jaime Domínguez e a dimensión social do proxecto, ao tempo que destacou a importancia de sumar esforzos para avanzar na prevención do suicidio e na atención á saúde mental.
«Romper o silencio non é só completar un reto deportivo, senón utilizar cada quilómetro para abrir unha conversa que moitas veces custa iniciar. É fundamental que como sociedade falemos de saúde mental, que saibamos detectar situacións de sufrimento e que transmitamos unha mensaxe clara: pedir axuda é o mellor camiño e ninguén debe afrontar estas situacións en soidade», sinalou a delegada.
O compromiso da Xunta coa prevención do suicidio
A delegada salientou o compromiso da Xunta coa prevención da conduta suicida e coa atención á saúde mental, así como o traballo que se está a desenvolver para avanzar no novo Plan de Saúde Mental de Galicia, que se está ultimando e dará continuidade ás políticas desenvolvidas neste ámbito e reforzará a prevención da conduta suicida como unha das áreas prioritarias de actuación.
Galicia conta desde 2017 cun Plan de Prevención do Suicidio, que establece como obxectivos reducir a taxa de suicidio e adoptar medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias. O plan aposta por unha resposta integral e pola coordinación entre as institucións e os diferentes axentes implicados.
Neste sentido, a prevención do suicidio require unha resposta multisectorial e coordinada, que implique non só o ámbito sanitario, senón tamén os ámbitos educativo e social, así como o conxunto da sociedade.A delegada lembrou que o suicidio é un problema que afecta ao conxunto da sociedade e que, para que as estratexias de prevención sexan eficaces, é necesaria unha resposta coordinada e integral de todos os sectores implicados.
Entre as medidas desenvolvidas pola Xunta destaca a creación dunha rede de sete unidades de prevención intensiva da conduta suicida, unha por cada área sanitaria, que permite atender ás persoas nun prazo máximo de 72 horas. Ademais, impulsáronse xa en todas as áreas sanitarias os Hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil, reforzando así a atención ás persoas máis novas.