Educación convoca os Premios Fin De Carreira das Ensinanzas Artísticas Superiores para recoñecer a excelencia académica
O alumnado de Música, Deseño, Arte Dramática e Conservación e Restauración de Bens Culturais pode presentar a súa candidatura ata o 1 de outubro
Optan a galardóns de 3.500€ en recoñecemento ao seu esforzo e dedicación
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia abre unha nova convocatoria dos Premios Fin de Carreira das Ensinanzas Artísticas Superiores, dirixidos ao alumnado que rematou no curso 2025/26 os seus estudos de Música, Deseño, Arte Dramática ou Conservación e Restauración de Bens Culturais nos centros públicos.
A convocatoria permitirá distinguir ata seis dos mellores expedientes académicos destas ensinanzas: dous premios para Música, dous para Deseño, un para Arte Dramática e un para Conservación e Restauración de Bens Culturais. Para optar aos galardóns será necesario contar cunha nota media igual ou superior a 8,5 puntos.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa candidatura a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 1 de outubro. Cada unha das persoas seleccionadas recibirá 3.500 euros e un diploma acreditativo, como recoñecemento ao seu rendemento académico e á dedicación demostrada durante a súa etapa formativa.
Un recoñecemento ao talento que nace nas aulas
Con esta convocatoria, o Goberno galego recoñece o mérito de quen acadou os mellores resultados, pero tamén pon o foco no valor do esforzo e da vocación artística como elementos fundamentais para construír o futuro cultural de Galicia. Neste marco sitúase o Plan EDUC-ART, presentado o pasado curso pola Xunta para modernizar, revalorizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas de Galicia. A iniciativa conta cun orzamento de 10,4 millóns de euros ata 2030 e estrutúrase en oito liñas de actuación.
Entre os seus obxectivos figura precisamente o recoñecemento da excelencia e a promoción das ensinanzas artísticas, dando continuidade a iniciativas que poñen en valor o traballo e o talento do alumnado. Ademais dos Premios Fin de Carreira, nesta liña inclúense os premios extraordinarios das ensinanzas artísticas profesionais.