O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, salienta no Parlamento a elevada execución do IGVS, que na actualidade ten o 80 % do orzamento do programa de acceso á vivenda co gasto autorizado

A Xunta esixe á Sareb que complete a adxudicación pendente das sete vivendas protexidas en Narón

O secretario  xeral destaca no Parlamento que o IGVS abriu dilixencias previas e advirte de que poderá iniciar un expediente sancionador se non se cumpre a normativa galega

Critica o bloqueo das operacións de Sareb e advertiu de que preto de 2.500 vivendas da entidade permanecen paralizadas en concellos galegos de máis de 10.000 habitantes

Noutra intervención García Porto desmente que a execución no 2026 do programa 451.B, de Acceso á Vivenda sexa do 0 %,, cando xa neste primeiro trimestre o IGVS tiña autorizado o 61,2 % do crédito vixente, comprometido o 51,4 % e pagado o 4,9 %.  

Pon en valor a convocatoria de todas as axudas financiadas unicamente con fondos da Xunta no primeiro trimestre, quedando condicionada a convocatoria das cofinanciadas con fondos vinculados ao Plan estatal de vivenda 2026-2030, pola súa tardía aprobación 

Contrapón os datos da Xunta aos de execución do Ministerio de Vivenda, que en xuño deste ano apenas tiña comprometido o 6,6 % e executado o 1,8 % do seu orzamento

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, subliñou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que a Xunta esixe á Sareb que complete a adxudicación pendente das sete vivendas protexidas de Narón.

Na súa resposta a unha pregunta no seo da Cámara galega, García Porto lembrou que se trata de que a Sareb remate o procedemento de adxudicación destas vivendas protexidas, e se lle ofreza ás persoas incluídas na lista de reserva resultante do sorteo realizado conforme á normativa galega.

García Porto sinalou que, tras comunicar Sareb en xuño que as sete vivendas quedaban bloqueadas pola súa posible incorporación ao parque de Casa 47, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) iniciou dilixencias previas para analizar os feitos, ao poder ser constitutivos de infraccións previstas na Lei de Vivenda de Galicia.

O Instituto reiterou o pasado 23 de xullo a necesidade de completar o proceso e, tras coñecer o pasado 24 de agosto que se estaban preparando as comunicacións ás persoas da lista de reserva, advertiu de que, se non se produce a súa convocatoria nos próximos días, continuará coas dilixencias para iniciar o correspondente expediente sancionador.

Máis dunha década de xestións da Xunta con Sareb

O secretario xeral lembrou que a Xunta leva máis dunha década reclamando a Sareb a cesión ou venda de vivendas para ampliar o parque público galego. Froito destas xestións, o IGVS adquiriu 40 vivendas en 2023 por máis de 3,4 M€ e outras 22 en 2024 por máis de 2 M€, sen conseguir novas cesións gratuítas ou en usufruto.

García Porto criticou o bloqueo das operacións de Sareb e advertiu de que preto de 2.500 vivendas da entidade permanecen paralizadas en concellos galegos de máis de 10.000 habitante. A este respecto, reclamou ao Estado que deixe de bloquear a súa comercialización ou traspaso ás comunidades autónomas, xa que “permitir que leven moitos meses, ou anos, baleiras non é propio dun goberno que di apostar pola vivenda”, subliñou.

Datos de execución do IGVS

Na súa intervención hoxe na Comisión 2ª, o secretario xeral tamén respondeu a unha pregunta sobre os datos de execución orzamentaria do IGVS, poñendo en valor o elevado grao de execución orzamentaria do IGVS.

En concreto, en relación co programa 451.B, de Acceso á Vivenda, García Porto desmentiu que a súa execución no primeiro trimestre de 2026 fose do 0 % e explicou que, a 31 de marzo, o IGVS tiña autorizado o 61,2 % do crédito vixente, comprometido o 51,4 % e pagado o 4,9 %. Salientou que estes datos reflicten actuacións xa iniciadas, con obras licitadas ou convocatorias en curso, así como obras adxudicadas e axudas concedidas.

Isto, segundo indicou García Porto, pese a que neste programa, se concentran unha parte importante das axudas incluídas no Plan estatal de vivenda 2026-2030, que non se aprobou ata finais de abril deste ano e aínda non está plenamente operativo. O IGVS convocou todas as axudas financiadas unicamente con fondos da Xunta, pero non poido convocar as cofinanciadas con fondos vinculados ao Plan, precisamente por esa tardanza na súa aprobación. Neste sentido, tal e como lamentou o representante da Xunta: “o Plan realmente debería chamarse 2027-2030 porque o ano 2026 é case un ano perdido”.

Execución elevada e condicionada polo atraso do Plan estatal

O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo puxo en valor o traballo da Xunta que, a día de hoxe, permite que o IGVS teña o 80 % do orzamento do programa de acceso á vivenda co gasto autorizado, o 73% con gasto comprometido e o 33 % con pagos realizados.

Resaltou que o grado de execución dos Orzamentos nestes últimos do IGVS é así, con carácter xeral elevado, sendo o orzamento executable do 79,8 % en 2022, do 94 % en 2023, do 88,4 % en 2024 e do 85,48 % en 2025, por riba da media do período do bipartito, que se situou no 78,7 %.

Así mesmo, reiterou como parte da execución de 2026 está condicionada pola tardía aprobación do Plan estatal de vivenda 2026-2030, que impediu convocar no primeiro trimestre determinadas axudas cofinanciadas.

O secretario xeral contrapuxo estes datos da Xunta co grado de execución doutras administracións. Así o Ministerio de Vivenda, segundo apuntou, ata xuño deste ano 2026 apenas un 6,6% do orzamento comprometido e un 1,8 % executado e, “ademais, dificultando a execución do orzamento das CCAA debido a necesidade de cofinanciamento”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026