A Xunta pon de relevo a capacidade da campaña extraordinaria ‘Boiro xoga’ de unir comercio, ocio e participación cidadá en beneficio dos negocios locais

O director xeral de Comercio e Consumo participou na presentación da iniciativa da Asociación Boirense de Empresas, a primeira dada a coñecer das cinco extraordinarias que apoia o Goberno galego dentro das axudas a centros comerciais abertos

Gabriel Alén destacou o potencial dinamizador da campaña que arranca hoxe e que durante dúas semanas dará protagonismo a un xogo de mesa creado especificamente arredor das rúas, espazos e negocios da vila boirense 

Boiro (A Coruña), 5 de setembro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de presentación de Boiro xoga, a campaña de dinamización comercial promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE) e apoiada pola Xunta canda outras catro extraordinarias, por seren as mellor valoradas na convocatoria na que se apoiaron un total de 56 centros comerciais abertos de toda Galicia cun investimento global superior aos 2,35 M€. A estas cinco propostas o Executivo autonómico destinará un importe total próximo aos 100.000 euros, como recoñecemento á súa calidade, capacidade de innovación e impacto no territorio.

No caso boirense, durante dúas semanas que arrancan hoxe o protagonismo na localidade  será para o xogo de mesa creado especificamente arredor das rúas, espazos e negocios da vila. A clientela poderá conseguir o Boiro xoga a través dun sistema de puntos e tamén participar na versión do xogo online a través da web da ABE ou dos códigos QR instalados nos postos que se instalarán para dar a coñecer a campaña.

A maiores, os establecementos participantes entregarán vales de xogo por cada compra igual ou superior a 20 euros. Estes vales poderán utilizarse durante a gran festa final que terá lugar o sábado 19 de setembro na praza do Concello para participar no panel de premios, acceder ás actividades infantís e desfrutar dunha degustación gastronómica.

O director xeral destacou a presenza que terá a campaña nos principais espazos de Boiro, reforzando a idea de que mercar no comercio local contribúe directamente ao crecemento e á vida da propia vila. Animou á veciñanza a participar nas propostas impulsadas por ABE que culminarán cunha festa que incluirá parque de inchables, animación musical, xogos de puntería e lanzamento de dados xigantes, ademais do panel de premios e da degustación gastronómica. Entre os premios estarán 2.000 euros para investir nos negocios de proximidade e exemplares de Boiro xoga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/09/2026