María José Gómez destaca o investimento de preto de 2,9 M€ nos últimos cinco anos para proxectos que favorecen o desenvolvemento rural na comarca de Lugo
A titular de Medio Rural resaltouno hoxe nunha visita ao proxecto turístico Ecocamp San Román, localizado no concello lucense de Guntín, que contou co apoio da Xunta a través da intervención Leader
Esta iniciativa recibiu unha achega económica de 167.000 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, que opera nesta contorna, e que impulsou 16 proxectos dende o ano 2020
A conselleira incidiu en que este tipo de iniciativas amosan a filosofía da medida Leader, que pon en valor dos recursos endóxenos do territorio ao tempo que xera riqueza e emprego no rural
Gómez lembrou que nestes momentos están en proceso de resolución as preto de mil solicitudes de axudas presentadas na última convocatoria, que contou cun orzamento de 28,7 millóns de euros, o que a converte na máis cuantiosa da historia
Guntín (Lugo), 6 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o orzamento de preto de 2,9 millóns de euros investido polo Goberno autonómico nos últimos cinco anos para financiar proxectos de desenvolvemento rural na comarca de Lugo. Fíxoo hoxe nunha visita ao proxecto turístico Ecocamp San Román, localizado no concello lucense de Guntín, que contou co apoio da Xunta ao abeiro da intervención Leader.
Concretamente, recibiu unha achega económica de 167.000 euros a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo, que opera nesta contorna e que impulsou 16 proxectos dende o ano 2020. A conselleira incidiu en que este tipo de iniciativas son unha boa mostra da filosofía Leader, que ten como fin impulsar o desenvolvemento económico das contornas rurais a través da posta en valor dos recursos endóxenos do territorio; ao tempo que xera riqueza e emprego no rural.
Gómez lembrou que nestes momentos están en proceso de resolución as preto de mil solicitudes de axudas presentadas na última convocatoria do Leader, que contou cun orzamento de 28,7 millóns de euros, o que a converte na máis cuantiosa da historia. Tal e como sinalou a conselleira, son achegas de carácter plurianual (2026, 2027 e 2028), o que permite dispoñer dun maior prazo para a execución dos proxectos.
140 millóns de euros mobilizados
O investimento mobilizado por estes case mil proxectos supera os 140 millóns de euros, dos cales a maior parte corresponden a proxectos produtivos, como é o caso de Ecocamp San Román, orientados á actividade económica e á xeración de emprego. Deste milleiro de solicitudes, 227 corresponden á provincia de Lugo, o que supón un 23 % do total. De xeito máis concreto, o GDR comarca de Lugo recibiu 33 solicitudes, a maior parte delas, case o 79 %, para apoiar proxectos produtivos de xeración de riqueza e emprego.