Os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron na Comisión de Seguimento do Acordo

A descentralización de Medicina avanza segundo o previsto ao cumprir os obxectivos establecidos para este curso

No 2026/27 estará totalmente descentralizada a docencia clínica práctica de 5º e 6º curso e xa se está ultimando a incorporación dos profesores asociados de Ciencias da Saúde das universidades de Vigo e A Coruña

Na reunión participou unha técnica da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia para analizar os próximos pasos de cara á reverificación do plan de estudos, un proceso necesario para incorporar todos os cambios

Mantense o curso 2028/29 como prazo final para completar a descentralización teórica e práctica do grao

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron esta tarde na reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de descentralización do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Un acordo que, tal e como explicaron, avanza segundo o previsto co cumprimento dos obxectivos establecidos para este curso 2026/27.

En concreto, neste curso que vén de comezar estará descentralizada nos sete campus por completo a docencia clínica práctica dos estudantes de Medicina de 5º e 6º curso, tal e como estaba acordado. Cómpre lembrar que no caso de 6º xa o estaba en virtude do acordo de 2015. A principal novidade tras o novo acordo é a incorporación a esta descentralización da parte das prácticas de 5º curso que se realiza en hospitais.

Ademais, estase ultimando a incorporación dos profesores asociados de Ciencias da Saúde (coñecidos como PACS) propios das universidades de Vigo e A Coruña –tres na UVigo e catro na UDC–, compromiso acadado na última reunión da comisión, celebrada o pasado mes de maio.

Na reunión, ademais dos conselleiros, participaron as reitoras das universidades de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e de Vigo, Carmen García Mateo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, así como o resto dos membros da Comisión.

Próximos pasos

A Comisión de Seguimento contou, así mesmo, coa presenza dunha técnica da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) para asesorar nos próximos pasos do proceso, tal e como se acordara na última reunión. Neste sentido, cómpre lembrar que é necesario reverificar o plan de estudos do grao en Medicina para poder incorporar todos os cambios na docencia e que estes teñan validez e todas as garantías para o alumnado, polo que pode haber axustes intermedios no calendario derivado desta reverificación.

Na actualidade, o grao en Medicina está a impartirse a través de dous plans de estudos. Un deles está en extinción e, polo tanto, non pode modificarse, mentres que o outro está en implantación e en pleno proceso ordinario de reacreditación. Unha vez se complete esta reacreditación, o novo plan debe someterse á reverificación, un proceso que deberá realizar a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, preferentemente coa colaboración de persoal das universidades de Vigo e A Coruña. A memoria final deberá someterse ao visto e prace da ACSUG.

Con todo, a Comisión mantén como prazo final para completar a descentralización total da docencia –teórica e práctica– o curso 2028/29, tal e como estaba previsto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/09/2026