A Xunta pon en valor a campaña de ‘Volta ao cole’ en Vilanova de Arousa no marco do apoio ás accións de dinamización do consorcio do comercio do Salnés
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 8 de setembro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na presentación da campaña de Volta ao cole impulsada pola Asociación de comerciantes de Vilanova de Arousa Vilanova Centro e apoiada pola Xunta no marco do programa de dinamización dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal. En concreto, esta acción e as que terán lugar na Illa de Arousa, Ribadumia, Meis e Meaño fináncianse coa achega concedida ao Consorcio do Comercio do Salnés.
O director xeral animou á clientela local a mercar no comercio de proximidade o material preciso para o curso escolar que comeza, co que conseguirán invitacións para asistir á festa final que terá lugar en Vilanova o próximo mércores 16 de setembro. No caso da Illa e Ribadumia, as festas serán xa este venres 11, mentres a de Meis está prevista para o vindeiro venres 18 e a de Meaño celebrarase o domingo 20. Alén destacou a programación de música e animación por parte do Consorcio do Comercio do Salnés, así como de actividades como inchables e festa de escuma, co fin de lograr a dinamización do comercio no marco dun ambiente festivo que implique as familias da contorna.