O comisario do Xacobeo 2027 participou na presentación da quinta edición do festival
‘Our Fest’ consolídase como referente do rock alternativo en Galicia co apoio de Concertos do Xacobeo
A cita reunirá o 19 de setembro en Expourense seis nomes fundamentais da escena internacional, estatal e galega
The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto forman o cartel desta edición
Ourense, 8 de setembro de 2026
Our Fest regresará o vindeiro sábado 19 de setembro a Expourense para celebrar a súa quinta edición e consolidado como unha das citas de referencia do rock alternativo en Galicia. A cita conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, reforzando a aposta pola música en directo como elemento de dinamización cultural e turística do territorio.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na presentación do festival e destacou que “os Concertos do Xacobeo permiten acompañar citas como Our Fest, que contribúen a ampliar e diversificar a oferta musical de Galicia e a levar programacións de referencia a diferentes puntos do territorio. Unha aposta pola música en directo que favorece a descentralización da actividade cultural e contribúe a manter unha programación estable ao longo do ano”.
A cita ourensá mantén a súa aposta por unha programación coidada e singular, que nesta edición reúne The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto. Seis nomes que conectan máis de catro décadas de rock alternativo e que combinan referentes internacionais con propostas consolidadas da escena independente estatal e galega.
Gómez Román salientou tamén que “Ourense conta cunha oferta turística e cultural de enorme atractivo e festivais como Our Fest permiten achegala a novos públicos, creando unha experiencia na que a música se combina co termalismo, o patrimonio e a gastronomía da cidade”. Neste sentido, sinalou que “a chegada de público de Galicia, doutros puntos do Estado e do norte de Portugal confirma a capacidade destas citas para xerar movemento e actividade no territorio”. Our Fest, que mantén o seu formato dunha única xornada e recinto cuberto, contribúe así a situar Ourense no circuíto das grandes xiras e a prolongar a actividade cultural e turística máis alá dos meses centrais do verán, favorecendo a desestacionalización.