A Xunta e o Goberno central acordan o marco para actuar fronte á violencia no ámbito deportivo
O Goberno galego poderá intervir nos procedementos penais nos termos previstos na Lei de Axuízamento Criminal e coa autorización expresa da vítima
O acordo da Comisión Bilateral, que publica o Diario Oficial de Galicia, evita o recurso perante o Tribunal Constitucional
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia que resolve as discrepancias entre o Goberno central e a Xunta sobre a modificación da Lei do Deporte de Galicia relativa á posible intervención do Goberno galego nos procedementos penais por delitos e actos de violencia no ámbito deportivo.
Tras varios meses de negociacións, Estado e Xunta acordaron unha interpretación do artigo 128 bis da Lei do Deporte de Galicia que permite compatibilizar a finalidade perseguida pola normativa autonómica coas regras establecidas pola lexislación procesual estatal.
En concreto, o acordo establece que a eventual intervención da Xunta deberá enmarcarse no disposto no artigo 109 bis.3 da Lei de Axuízamento Criminal e ser congruente coa defensa dos dereitos das vítimas. Ademais, deberá contar coa autorización expresa da vítima afectada, requisito esencial para que poida producirse a intervención.
Deste xeito, a actuación da Xunta non se configura como unha habilitación xeral ou ilimitada para intervir en calquera procedemento penal relacionado co deporte, senón que queda vinculada á protección efectiva dos dereitos das vítimas e sometida en todo caso ás condicións establecidas pola lexislación procesual estatal. Esta é, precisamente, a delimitación que recolle o documento de referencia.
O acordo alcanzado permite así pechar a discrepancia competencial e evitar o recurso perante o Tribunal Constitucional, ao establecer unha interpretación compartida do precepto autonómico respectuosa co marco procesual estatal.
Cómpre lembrar que a modificación da Lei do Deporte de Galicia responde á vontade da Xunta de reforzar a protección fronte ás agresións nos estadios, á violencia nas competicións e ás condutas que poñen en risco as persoas participantes e asistentes, con especial atención ás vítimas, ás familias e aos menores.
Desde o Goberno galego mantívose desde o primeiro momento a vontade de alcanzar unha solución no seo da Comisión Bilateral que permitise preservar a finalidade da norma galega e, ao mesmo tempo, garantir a súa plena adecuación á lexislación procesual estatal.