A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo nunha xornada sobre a formación e captación de talento
A Xunta salienta a importancia de apostar pola formación e as políticas activas de emprego para dar cobertura ás vacantes do mercado laboral galego
Zeltia Lado sinala que hoxe mesmo o Instituto Galego de Estatística (IGE) publica as 11.779 vacantes existentes no segundo trimestre de 2026 en empresas con 10 ou máis persoas traballadoras
Pon de relevo o modelo pioneiro de formación para o emprego impulsado polo Goberno galego, máis flexible e conectado coas necesidades do tecido económico a través de novas ferramentas máis áxiles como as microcredenciais
Tamén a estratexia propia de captación de talento co principal foco posto no retorno das galegas e galegos residentes no exterior e cun segundo eixe na atracción ordenada de persoas traballadoras de terceiros países, especialmente de América Latina
Destaca así mesmo o novo programa aprobado polo Consello da Xunta co fin de acelerar a integración laboral das persoas que se acolleron na Comunidade ao proceso de regularización extraordinario impulsado polo Goberno central
Vigo, 17 de setembro de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, salientou hoxe a importancia de apostar pola formación e polas políticas activas de emprego para conseguir dar cobertura ás vacantes existentes no mercado laboral galego. Así o dixo no arranque da xornada Escaseza de talento: como captar e desenvolver profesionais nun mercado laboral en transformación, organizada polo Grupo Nortempo e pola Asociación Española de Dirección e Desenvolvemento de Persoas (Aedipe) na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo.
No foro, Lado explicou que o Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os últimos datos dispoñibles sobre as vacantes laborais existentes nas empresas da Comunidade con 10 ou máis persoas traballadoras e cífraas en 11.779 no segundo trimestre deste 2026. Para atender esas necesidades de profesionais, Zeltia Lado aludiu primeiro ao modelo pioneiro de formación para o emprego impulsado pola Xunta para potenciar o talento interno, máis flexible e conectado coas necesidades reais do tecido produtivo. Un modelo de formación tanto para persoas ocupadas como desempregadas, levando a capacitación ás propias empresas e apostando por ferramentas máis áxiles, como as microcredenciais.
No eido da captación de talento, referiuse ao modelo propio que ten o seu principal foco na Estratexia Galicia Retorna e un segundo eixe na atracción de persoas traballadoras de terceiros países, especialmente de América Latina. Nese contexto, salientou programas que se están a consolidar ano tras ano como o Retorna Cualifica Emprego que —da man de entidades como a Fundación Nortempo— prevé procurar coa última edición vixente que 200 persoas galegas residentes no estranxeiro poidan regresar para desenvolver aquí a súa vida e a súa traxectoria profesional.
Segundo sinalou, 90 empresas galegas están manifestando actualmente interese en contratar ofertando máis de 750 postos de traballo e supéranse xa as 5.700 persoas inscritas na iniciativa. O modelo autonómico para sumar talento inclúe outras accións como as feiras de emprego celebradas en xuño no Brasil, con preto de 2.400 participantes que conseguiron duplicar as inscricións de persoas procedentes deste país no Retorna Cualifica Emprego, ata superar as 400.
Iniciativas novidosas
A directora xeral puxo en valor medidas novas como as axudas lanzadas por primeira vez neste 2026 para impulsar a rehabilitación de vivendas destinadas a persoas traballadoras, co obxecto de que quen queira traballar en Galicia teña onde establecerse. Tamén o novo programa aprobado polo último Consello da Xunta co fin de acelerar a integración laboral das persoas que se acolleron na Comunidade ao proceso de regularización extraordinario impulsado polo Goberno central que, neste caso, busca cubrir unha das numerosas eivas denunciadas pola Administración autonómica sobre o procedemento, como a falta de medidas de acompañamento laboral.
Segundo apuntou, o orzamento inicial do programa supera os 2,6 M€ e inclúe a sinatura de convenios con entidades sen ánimo de lucro con ampla experiencia en inserción laboral e social. A primeira fase da iniciativa, baseada en microcredenciais para a integración laboral e que se desenvolverá ata finais de 2027, prevé beneficiar 500 persoas mediante itinerarios individualizados de formación e de inserción profesional.
Enquisa do IGE
En canto aos últimos datos dispoñibles sobre as vacantes laborais que hoxe publica o IGE, tamén se reflicte que máis do 22 % das 11.779 existentes nas empresas da Comunidade con 10 ou máis persoas traballadoras requirían dunha titulación superior STEM (correspondente coas áreas relativas á Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Ademais, a enquisa revela que máis dun 80 % das empresas galegas non tiñan postos vacantes no segundo trimestre do ano. O principal motivo aludido era que a demanda actual non lles requiría incorporar máis persoal (73,69 %), seguido polo do elevado custo laboral asociado ás novas contratacións (26,70 %).